Xoán Reices: «o goberno de López vai asfaltar en Berres unha pista forestal, cando no mesmo lugar de Vilancosta e Servide en Berres os accesos están intransitábeis»
O BNG critica a falta de criterio do goberno municipal do PP á hora de realizar os asfaltados nos viais municipais. Xoán Reices, candidato do BNG á alcaldía, explicou que «o goberno de López vai asfaltar en Berres unha pista forestal, cando no mesmo lugar de Vilancosta e Servide en Berres os accesos están intransitábeis, segundo nos comunicaron os propios veciños e veciñas».
«Cremos que calquera goberno municipal debe ter un criterio á hora de gastar os cartos públicos», explicou Reices, «esa pista forestal pode ser de interese asfaltala, mais o primeiro é darlle un bo servizo aos veciños e veciñas das aldeas, non é de recibo que teñen que andar sorteando as fochancas para chegar ás casas como ocorre agora».
O candidato do BNG afirma que «son innumerábeis os veciños e veciñas que se achegan a nós para denunciar o mal estado dos viais das aldeas e parroquias; mais o goberno de López segue de brazos cruzados, a pesar de que o malestar no rural medra cada día que pasa».
«Temos un goberno paralizado e esgotado», engade, «nin fan os orzamentos nin reparan as fochancas, como as que denunciamos hai case un mes no Souto de Vea».







































