Trátase dunha convocatoria que o Concello lanza de xeito anual co
obxectivo de promover o envellecemento activo entre os máis maiores.
O programa de prevención á dependencia da
Estrada viviu, onte, o seu pistoletazo de saída. A iniciativa, na que tomarán
parte uns 300 maiores de todo o municipio, oferta, nesta edición, as actividades
de xerontoximnasia, obradoiros de pilates e tamén de memoria.
A convocatoria desenvolverá actividades en todo o termo municipal. Nesta
ocasión, hai un total de 26 grupos: 21 nas parroquias e outros 5 na capital
municipal.
O programa levarase a cabo, de xeito ininterrompido, ata o mes de xuño. En
xullo e agosto haberá haberá unha parada e retomarase en setembro ata a
época de Nadal.
Esta oferta compleméntase con outras accións postas en marcha polo Concello
como son as de piscina e a de musicoterapia para maiores de 60 anos. Con
este abano de propostas, búscase impulsar o envellecemento activo dos
veciños e veciñas, promovendo, ademais, a autonomía dos máis maiores.
Co fin de brindar máis facilidades aos usuarios e usuarias, o Concello habilitou
o mes de abril para facer os pagamentos. As persoas inscritas poderán pagar o
primeiro trimestre do programa ou, se o desexan, abonar a contía completa. En
todo caso, este trámite realizarase no departamento de Servizos Sociais.







































