O PP non atende as prioridades nin xestiona ben os cartos nin as infraestruturas

Xoán Reices: «Os veciños e veciñas da Estrada teñen que saber que o goberno de López vai gastar 421.000 euros nun campo de fútbol nunha parroquia que non ten saneamento, en realidade ningunha parroquia de Vea o ten, e 1.000.000 de euros para facer outro pavillón nunha zona, onde xa hai tres instalacións deste tipo. O saneamento do rural debería ser a prioridade do goberno municipal.»

O BNG da Estrada, a través da súa concelleira Susana Camba, votou en contra da construción dun novo pavillón para eventos deportivos, que se situará ao lado das pistas de atletismo.

Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, «votamos en contra porque entendemos que tanto os cartos públicos como as instalacións municipais hai que xestionalas mellor, evitando o mal gasto e aproveitando uso das infraestruturas existentes». «Entendemos que gastar máis de 1.000.000 euros (máis outro millón que pon a Xunta) nun novo pavillón tendo dous moi preto, así como as instalacións da Feira do Moble, non nos parece de recibo», explicou o candidato nacionalista. «Estes cartos saen dos fondos propios do concello», engade, «un concello que veu incrementada a súa débeda con préstamos innecesarios, que a fin de contas pagaremos entre todos e todas as veciñas da Estrada».

«Por outra parte», recalcou o candidato do BNG, «hai poucos días o goberno de López tamén anunciaba que ía gastar outros 421.000 euros para arranxar o campo de Nogueira, en Santa Cristina de Vea». «No seu momento tamén votamos en contra», explica, «entre outras cousas, porque se trata dunha infraestrutura privada, non é un campo municipal, pero ademais entendemos que hai outras prioridades que atender con máis urxencia».

«Neste sentido», explica Reices, «e bo que todos os veciños e veciñas da Estrada saiban que o concello vai gastar 421.000 euros nun campo de fútbol nunha parroquia que non ten saneamento, en realidade ningunha parroquia de Vea o ten, o cal parécenos moi grave e entendemos que esa debería ser a prioridade do goberno municipal».

«Así o entendemos nós», recalca Reices, «no BNG cremos que se hai unha necesidade importante que atender no rural é o saneamento; sabemos perfectamente que un concello tan extenso como o noso iso non se remata nun mandato, seguramente precisaría varios mandatos para sanear todo o rural estradense, pero é que López leva tres mandatos consecutivos e non foi quen de facer nin un só saneamento no rural».

O candidato do BNG, Xoán Reices, dubida do compromiso de López co rural e co seu saneamento. «En 2019 López encargoulle a IDOM un plan director sobre o saneamento do rural estradense do que nada se sabe», explica, «para o BNG isto é non é unha prioridade, é a prioridade de termos responsabilidades de goberno a partir do 28 de maio, porque entendemos que o rural merece máis».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.