Xoán Reices: » a idea deste encontro é contrastar con todas estas persoas, que traballan en distintos sectores, as limitacións que atopan cando poñen en marcha unha iniciativa no rural, mais tamén contrastar as partes positivas de traballar no medio rural, así como presentarlle as nosas propostas para o medio rural»
Xoán Reices, Vanesa Iglesias e Ricardo Castro, membros da candidatura do BNG da Estrada, mantiveron esta mañá un encontro con diversas persoas emprendedoras e autónomas que traballan no rural, entre as houbo profesionais de distintos sectores como artesás, mestres de música, representantes do sector primario, da hostalaría, etc…
Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, «a idea deste encontro é contrastar con todas estas persoas, que traballan en distintos sectores, as limitacións que atopan cando poñen en marcha unha iniciativa no rural, mais tamén contrastar as partes positivas de traballar no medio rural».
Por outra parte os membros da candidatura do BNG tamén explicaron as propostas que levará o BNG no seu programa electoral. Xoán Reices explicou que «o noso rural é extenso, pero na súa maior parte está abandonado; co noso programa buscamos promover a creación de postos de traballo no rural, facilitar o asentamento poboación neste eido, conseguir prezos rendíbeis dos produtos do agro e tamén dotar ao rural de servizos básicos para facilitar a accesibilidade a servizos en igualdade de condicións que os veciños e veciñas que viven na vila. Todos e todas pagamos impostos, polo tanto é lóxico que o rural teña os mesmos servizos que a vila».
Neste sentido, Reices explicou que «entre os nosos obxectivos está o de promover a creación de canais de comercialización directa dos produtos do agro e do rural, tendo como centro neurálxico a Praza de Abastos, un espazo que dinamizaremos coa realización de feiras sustentábeis ao longo de todo o ano; con isto buscamos que este espazo sexa referencia de produtos de calidade e de proximidade para os veciños e veciñas da Estrada».
«Por outra parte», engadiu o candidato á alcaldía, «entre os nosos obxectivos tamén está poñer en marcha a marca ‘Produto da Estrada’, e non só para produtos do agro, senón tamén para a artesanía e outros artigos».
Mellorar servizos
O BNG tamén pon o obxectivo en mellorar os servizos do rural. Vanesa Iglesias, número 2 da candidatura nacionalista, explicou que «un veciño ou unha veciña que vive no rural ten que ter os mesmos servizos que quen viven na vila, polo tanto, non se entende que mentres toda a vila está conectada por fibra óptica, o rural non o estea, non se entende que haxa núcleos aos que non chega nin o cable do teléfono». «Neste sentido», engade, «o noso obxectivo será levar a fibra a todo o rural, e se non o fan as operadoras privadas, farao A Estrada Dixital; no rural hai profesionais de todo tipo, desde gandeiros e gandeiras até artesás e profesionais técnicos que precisan tamén da banda ampla para o seu traballo».







































