BNG da Estrada propón a creación dun aparcadoiro de autocaravanas

Xoán Reices: «É un sector moi dinámico, con experiencias moi positivas como por exemplo en Pontevedra, en cuxo aparcadoiro hai autocaravanas ao logo de todo o ano, mais alá da época estival»

En outubro de 2018 o BNG da Estrada instou ao goberno municipal do PP a habilitar unha zona especial para que puideran aparcar as autocaravanas. Segundo explicou o candidato do BNG á alcaldía, «o goberno nada fixo neste sentido, e non se agarda que o vaia facer nin a curto nin a medio prazo».

«Desde o BNG da Estrada pensamos que é moi importante contarmos cunha infraestrutura deste tipo no noso concello, porque é un novo xeito de facer turismo que está en auxe, e por iso decidimos incorporar esta medida o noso programa electoral», explica Reices. «É un sector moi dinámico, con experiencias moi positivas como por exemplo en Pontevedra, en cuxo aparcadoiro hai autocaravanas ao logo de todo o ano, mais alá da época estival», engade.

«Ter un aparcadoiro de autocaravanas traducirase, sen dúbida, en movemento económico para o noso concello, en especial para a hostalaría», afirma Reices, «xa que ter unha instalación deste tipo colocaría ao concello da Estrada en centos de webs, aplicacións de móbil e outros servizos que utilizan os e as autocaravanistas de todo o mundo». «Desde o BNG pensamos que isto son oportunidades que non se deben perder, ao tempo sitúa A Estarda no mapa e na ruta das autocaravanas», engade o candidato do BNG.

O candidato do BNG explica que este tipo de aparcadoiros non poden estar en calquera lugar. «Lamentabelmente en moi poucas parroquias hai saneamento, co cal só se podería facer o aparcadoiro de autocaravanas na vila, xa que este tipo de infraestruturas require unha serie de servizos como sumidoiros, auga, etc, que na maior parte do rural non hai», afirma Reices.

«Se contamos coa confianza dos veciños e veciñas», explica o candidato á alcaldía, «esta será unha das medidas que poñeremos en marcha na nova A Estrada que queremos poñer en marcha desde o BNG».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.