A Estrada despedirá o 2023 coa XIII SanSilvestre e a II San Silveira, ambas en favor de Cáritas

 O prazo para inscribirse tanto na XIII San Silvestre como na II San
Silveira que se disputarán o vindeiro 31 de decembro estará aberto
desde este xoves ata o 27 de decembro.
 Ambas probas son de carácter benéfico e non competitivo, e as
persoas que desexen participar deberán entregar un quilo de
comida non perecedoira no momento da retirada do dorsal.

O Concello da Estrada programa unha
dobre sesión deportiva para despedir o ano 2023 con actividade física e
solidariedade.
Deste xeito, o día 31 de decembro abrirá coa II San Silveira, unha subida BTT
ao Monte Cabalar programada para dar comezo ás 09:30 horas desde a praza
do Concello. A actividade, catalogada de dificultade media, terá un percorrido
de 20 quilómetros e a idade mínima para participar é de 10 anos, debendo
estar acompañados os menores por un adulto durante o transcurso da mesma.
No alto do Monte Cabalar haberá avituallamento con chocolate e churros para
as persoas asistentes.
O mesmo día, a partir das 16:00 horas, dará comezo a recollida de dorsais
para a XIII Milla San Silvestre Estradense. A proba discorrerá nas categorías
de pitufos, con inicio ás 17:00 horas e un percorrido polas inmediacións da
praza da Feira.
Pola súa parte a categoría prebenxamín ata infantil correrá por un circuíto
urbano con saída desde a praza do Concello, pasando pola rúa Serafín Pazo,
praza da Farola, rúas Calvo Sotelo, Castelao e Irida, e chegada de novo ao
punto de comezo. O percorrido terá unha distancia de 800 metros e darase
unha soa volta ao mesmo.
Os participantes na carreira de cadetes ata veteranos realizarán o mesmo
traxecto, ao cal deberán dar 2 voltas, elevando a distancia a 1.6 quilómetros.
Ao rematar todas as carreiras das distintas categorías, realizarase o sorteo dos
agasallos segundo o número de dorsal. Para participar nos sorteos dos
agasallos que se farán na chocolatada é obrigatorio levar o dorsal visible.
Ademais, todos os participantes poderán gozar da degustación de chocolate

 

quente e produtos de repostería nos soportais do Concello, e premiaranse
tanto o disfrace máis orixinal como o grupo máis numeroso co mesmo disfrace.

Recollida de alimentos para Cáritas
A recollida dos dorsais para ambas actividades deberá ser precedida da
doazón dun quilogramo de alimentos non perecedoiros que serán destinados a
Cáritas Parroquial A Estrada, dentro da Operación Quilo de Nadal 2023.
As inscricións serán de balde e poderán realizarse ata o vindeiro 27 de
decembro a través da web www.emesport.es.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.