Ambas citas complementarán as feiras ordinarias que se celebran
tanto os mércores como os sábados.
Os días 23 e 24 de decembro o Novo Mercado acollerá un mercado
extraordinario de produtos locais que contará coa participación de
12 produtores do municipio.
O Concello da Estrada anuncia o
regreso, un ano máis das feiras de Noiteboa e Fin de Ano, que se celebrarán
como é costume os días 24 e 31 de decembro respectivamente.
As citas complementarán os dous mercados semanais ordinarios e
celebraranse de xeito simultáneo, tanto na praza da Feira como na do
Mercado. Para ambas foron convocados tanto os feirantes como as pulpeiras
que acoden frecuentemente ás feiras ordinarias. Ademais tanto o día 24 o 31 a
praza de Abastos estará aberta.
Outro dos atractivos residirá na celebración dun Mercado Extraordinario de
produtos locais que terá lugar tanto os días 23 e 24 de decembro no Novo
Mercado e contará coa participación de 12 produtores locais dados de alta na
Estrada; Froitas e Hortalizas Rio Ulla SAT; Horta Peregrina; Flávia Horta da
Casa, Sidra Peroja; Biofruit Galicia, Ovos de Remesar; Apícola Cañedo Mel; O
Mel de Brea; Leite Ulla; Pelegrinas; Rebullidoiro Granxa Eco; e As Besadas.
O edil, Gonzalo Louzao, explica que con esta medida “buscamos darlle
continuidade a dúas citas tan tradicionais como o son as feiras de Noiteboa e
Fin de Ano, ampliando a oferta de mercados xunto coas feiras ordinarias,
ofrecéndolle tanto á veciñanza como aos visitantes unha alternativa de lecer
nestas datas”. Ademais, en relación ao mercado de produtos locais, Louzao
sinala que “buscamos incentivar o consumo de produtos da contorna e dar
apoio aos profesionais a través de ofrecerlle un espazo no que poidan
comerciar cunhas materias de primeira calidade, con selo estradense e de
quilómetro cero, destacando o espazo de celebración como un punto de
referencia do produto local de calidade, moi propio para estas datas”.







































