Joan Chamorro, director da Sant Andreu Jazz Band dirixirá xunto
con Rubén Servide á Big Band e ao Coro Carlos Barruso o domingo
21 de xaneiro ás 19:00 horas no Teatro Principal.
O catalán tamén impartirá masterclasses entre os músicos
participantes no concerto.
As entradas terán un custo de 3 euros e poderán retirarse no
departamento de Cultura do concello.
O Teatro Principal será escenario o
vindeiro 21 de xaneiro dun concerto por conta da Big Band e o coro Carlos
Barruso, dirixidos por Joan Chamorro e Rubén Servide.
A sala de xuntas do Concello acolleu, esta mañá, a presentación da actuación,
nun acto no que interviñeron o edil de Cultura, Juan Constenla, xunto con Juan
Núñez, Manuel Castedo e Rubén Servide, membros da directiva do obradoiro.
Ademais, Chamorro levará a cabo varias masterclass entre os intérpretes que
tomarán parte no concerto do sábado 21. Ditas sesións consistirán en clases
nas que o catalán compartirá os seus coñecementos e experiencia en
interpretación vocal e instrumental.
Deste xeito, a chegada de Joan Chamorro á Estrada suporá contar cunha das
figuras máis sobranceiras do jazz nacional. Da súa traxectoria sobresae o seu
cargo como director da Sant Andreu Jazz Band, posto que desenvolve desde o
ano 2006. Ás súas costas carga con máis de 100 discos gravados, moitos
deles como líder, ademais de colaborar con numerosos intérpretes de talla
internacional.
Atesoura tamén numerosos galardóns tanto pola súa faceta como músico como
polo seu labor didáctico dado que impartiu masterclasses en numerosos países
como EE.UU, México, Colombia, Suecia, Suiza, Dinamarca, Italia, Francia ou
Polonia, entre outros.
Durante a presentación, Constenla, sinalou a súa satisfacción por “poder contar
cunha eminencia do jazz internacional como Joan Chamorro para que
comparta os seus métodos de traballo e sobre todo, a súa ampla experiencia
con dúas fantásticas agrupacións como o son a Big Band e o coro Carlos
Barruso”. O responsable de Cultura tamén fixo un convite á veciñanza para que
asista “a un evento que colabora a pór en valor o talento musical que atesouran
as agrupacións estradenses”.
As persoas que desexen acudir ao concerto poderán retirar as súas entradas
no departamento de Cultura do concello por un prezo de tres euros.







































