O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial da cita, que se
levará a cabo o domingo, 11 de febreiro.
Tras a parada dos últimos anos, Couso
volverá recuperar o seu Entroido tradicional. Así se confirmou, esta mañá, na
presentación da cita, na que estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Juan
Constenla, a edil de Novas Tecnoloxías, Conectividade e Reto Demográfico,
Lucía Seoane, e os membros da Asociación dos Xenerais de Couso, Aurora
Lorenzo e Manuel Brey. O Entroido terá lugar o domingo, 11 de febreiro, e con
el, buscarase, non só rescatar esta festividade tradicional, senón tamén atraer
a xente doutras parroquias do municipio.
O Entroido levarase a cabo o 11 de febreiro, pero a súa realización estivo
precedida por un extenso traballo que incluíu, entre outras tarefas, a busca de
fotografías antigas coas que documentar, por exemplo, os traxes tradicionais
(os dos coros dos vellos e os bonitos, os dos xenerais, etc.). Deste xeito, tal e
como se indicou durante o acto de presentación, a idea da Asociación dos
Xenerais de Couso é “recuperar o traxe de bonito, os chambergos (un gorro
típico da festa), os traxes dos Xenerais, dos correos, etc.”.
Programa
O domingo, día 11, a comitiva do Entroido percorrerá todas as casas do Couso,
levando a música e o baile a cada recuncho da parroquia. De feito, un dos
elementos máis destacables desta nova edición será, precisamente, a
interpretación da Danza do Entroido de Ulla, un baile que foi recuperado, hai
uns anos, pola Asociación Cultural A Regionalista.
A cita incluirá tamén a realización dun xantar popular e o clásico Atranque dos
Xenerais. O programa do Entroido incluirá, a organización de talleres para
aprender a elaborar chambergos, colares e, por último, un obradoiro-charla
sobre a Danza do Entroido de Ulla.
Os representantes da Asociación dos Xenerais de Couso indicaron que o
obxectivo é “dar pé a outras aldeas e parroquias para que tamén recuperen os
seus Entroidos”.







































