Aurora Loureiro Baluja, recoñecida co ‘XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres do Concello da Estrada’

·       O xurado, reunido na tarde de onte, deliberou por unanimidade a concesión deste galardón á veciña de Matalobos.

 ·       Con este distintivo recoñécese o valor do seu traballo “nun mundo de homes” dado que desenvolveu gran parte da súa traxectoria vital nunha taberna do rural ao mesmo tempo que era o piar do núcleo familiar.

 

O Concello da Estrada concedeulle o XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres a Aurora Loureiro Baluja, natural de Toedo e veciña de Matalobos, polo seu exemplo vital ao desenvolverse profesionalmente nun eido tan tradicionalmente masculinizado como unha taberna no rural ao mesmo tempo que actuaba como piar familiar.

A candidatura de Aurora, proposta pola asociación veciñal de Santa Eulalia de Matalobos e Jesús Janeiro Villaverde, alcalde de barrio da parroquia, foi escollida onte por unanimidade polo xurado responsable da concesión deste distintivo.

O tribunal, reunido no día de onte, valorou o mérito do seu traballo nun “mundo de homes” como é unha taberna do rural, así como a súa valía e fortaleza para sacar adiante tanto un negocio como unha familia que continúa vixente a día de hoxe. Unha muller que conta co apoio da súa veciñanza do mesmo xeito que ela sempre axudou en todo o que puido a quen o precisara.

A entrega do premio levarase a cabo o vindeiro 8 de marzo nun acto público programado para as 20:00 horas no MOME.

Aurora Loureiro Baluja, exemplo de innovación e empoderamento

Nada no 1936 na parroquia de Toedo, Aurora casou con 22 anos e trasladouse a Matalobos onde traballou nunha taberna moi concorrida pola veciñanza de diversos núcleos do rural. Logo de quedar viúva ao pouco de inaugurar o negocio, Aurora púxose ao fronte tanto da taberna como dos seus 3 fillos.

Aos 34 anos acada o carné de conducir o que lle permite facer entregas a domicilio e do mesmo xeito, amplía a oferta do seu establecemento servindo comidas de diario.

Na actualidade a taberna segue en funcionamento, e serve de punto de encontro para moitas persoas de rural que se reúnen para pasar o seu tempo de lecer. Ademais, o enclave é un importante atractivo social dado que alí tamén se realizan actividades como a inscrición para as excursións parroquiais ou a venda de boletos para a festa dos callos, evento do cal foi unha pioneira e unha das súas principais defensoras.

Por todo isto, Aurora supón un exemplo non só de empoderamento ao ser quen de afrontar a súa actividade profesional nun contexto e nun ámbito tan masculinizado ao mesmo tempo que sacou adiante aos seus fillos, senón tamén desenvolve unha enorme labor social grazas ao seu establecemento.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.