O vindeiro 23 de xaneiro, o adro da igrexa de Berres converterase nun punto de encontro para celebrar o «Día de Rosalía», unha xornada especial dedicada á figura e legado de Rosalía de Castro. O evento, organizado pola Asociación «O Recuncho da Lingua» e ASOCAC (Asociación Comarcal Audiovisual e de Comunicación), contará cun programa cheo de emoción, cultura e tradición.
A xornada dará comezo ás 12:30 horas coa presentación a cargo de Pablo García, representante de ASOCAC, e Pilar Bernárdez, da Asociación O Recuncho da Lingua. A continuación, intervirá o alcalde do Concello da Estrada, Gonzalo Louzao, para destacar a importancia de Rosalía de Castro no patrimonio cultural galego.
Os máis pequenos tamén terán un papel protagonista no evento, xa que os nenos e nenas do CEIP O Foxo, xunto cos seus profesores, darán voz aos versos de Rosalía a través dunha lectura de poemas. Ademais, os veciños e veciñas de Berres unirán as súas voces para compartir a obra da autora, nun acto de homenaxe e reivindicación da lingua galega.
A celebración contará tamén co reparto do Caldo de Gloria. Esta receita, inmortalizada no poema «Miña casiña, meu lar», simboliza a dignidade e a resistencia do pobo galego, valores que Rosalía soubo transmitir con mestría na súa obra.
A organización conta coa colaboración do Restaurante “Río Liñares”, engardo da elaboración do CALDO DE GLORIA, a Panadería “A Casa do Pan”, o Super Couto de Berres, o Concello da Estrada e a Casa de Rosalía, cuxo apoio fai posible este evento.
Desde a Asociación «O Recuncho da Lingua» e ASOCAC animamos a toda a veciñanza e amantes da cultura galega a participar nesta homenaxe, unha oportunidade única para celebrar e reivindicar a nosa lingua e tradicións a través da figura de Rosalía de Castro.
Non podedes faltar!.







































