Os traballos realízanse en pistas forestais e da concentración parcelaria,
todas elas baixo a titularidade da administración local.
As brigadas desenvolven estas actuacións entre os meses de outubro e
marzo, continuando de seguido polos núcleos e pistas asfaltadas (de
abril a setembro)
Estes días rematarase o traballo nas sete parroquias que faltan para
completar o programa: San Xiao, Orazo, Santo André, Frades, Paradela
e Ribeira
O Concello da Estrada logrará este ano, por vez
primeira, chegar á roza do 100% das pistas forestais do municipio, un traballo que se vén
desenvolvendo dende o pasado mes de outubro e que supón a limpeza de máis de 2.000
quilómetros de rede viaria, boa parte dela comunicacións resultantes dos procesos de
concentración parcelaria. A actuación enmárcase na aposta decidida do goberno local
de asegurar o correcto mantemento de infraestruturas rurais, que dan servizo a un
elevadísimo número de veciños do municipio.
Cómpre aclarar que a limpeza de pistas forestais é un traballo que as brigadas municipais
afrontan entre os meses de outubro e marzo, continuando despois coas tarefas de roza
e limpeza en vías asfaltadas de titularidade municipal e centrando esforzos nos núcleos
rurais. Arestora, os equipos traballan a pleno rendemento para completar a primeira
destas dúas fases.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, fixo hoxe balance das parroquias nas que xa se
deron por rematadas as accións de acondicionamento das pistas forestais e das de
concentracións parcelarias. É o caso de Matalobos, Toedo, Santeles, Santo Tomé e San
Pedro de Ancorados, Agar, Berres, Liripio, Ribela, Arca, Codeseda, Souto, Parada,
Vinseiro, Santa Mariña e San Miguel de Barcala, Olives, Pardemarín, Curantes, Cereixo,
Lagartóns, Rubín, Couso, Lamas, A Somoza, Ouzande, Cora, Callobre, Remesar, Oca,
Arnois, Riobó, Santa Cristina de Vea, Moreira, San Miguel de Castro, Tabeirós, Nigoi e
Baloira. A recta final destas tarefas concéntrase agora en San Xiao de Vea, Orazo, Loimil,
Santo André de Vea, Frades, Pradela e Ribeira.
“Con isto completariamos o 100% das pistas forestais e de concentración”, subliñou o
xefe do executivo local, que considerou que esta limpeza resulta de gran interese para
profundar no propósito de que as infraestruturas rurais gocen de boas condicións,
sumando ao control da maleza os programas de asfaltados e melloras do pavimento das
que dará conta o goberno proximamente.
O alcalde puxo o acento en que, unha vez rematada a actuación nestas pistas municipais,
as brigadas emprenden a roza e limpeza nos núcleos rurais e estradas asfaltadas de rede
estradense. Neste senso, lembrou que o ano pasado o Concello programou esta
demandada actuación a dúas voltas, de xeito que todas as parroquias acolleron estes
traballos nunha dobre pasada. A aposta mantense neste 2025, calendarizando as
intervencións en función do calendario festivo de cada parroquia, tal e como acostuman
a demandar os veciños. Deste xeito, os traballos arrancarán en abril pola parroquia de
Barbude (celebra o San Lázaro) e rematarán en Arnois, preparando a parroquia para as
festas da Paderna.







































