A reforma e equipamento ten asociado un investimento de 72.000 euros,
aportados cunha axuda da Dirección Xeral de Inclusión Social.
As obras teñen un prazo de execución de seis meses e concentraranse
nas antigas vivendas de mestres existentes no piso superior da casa
escola desta parroquia estradense.
O goberno compartiu o proxecto previamente coa veciñanza e o alcalde
visitou estes días as instalacións que se acondicionarán para como
residencia temporal para persoas que precisan un fogar
Servizos Sociais traballa nun regulamento de emerxencia social, no que
incluirá as condicións de uso destas dúas vivendas
O Concello da Estrada rehabilitará e acondicionará
dúas antigas vivendas escolares na parroquia de Cora para facer delas un recurso
residencial para situacións de emerxencia social. O goberno local apostou por este
proxecto e decidiu presentalo á orde de axudas da Dirección Xeral de Inclusión Social,
dependente da Consellería de Política Social e Igualdade.
O alcalde, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, visitaron as
dúas vivendas situadas na antiga casa escola de Cora sobre as que se proxecta actuar.
Fixérono acompañados polo pedáneo desta parroquia, Iván Lorenzo, e a tamén edil
Anxos Pais. A visita realizouse despois de teren compartido a iniciativa cos veciños, con
moi boa acollida.
O Concello da Estrada é titular de varias edificacións situadas no rural que fai décadas
estiveron vencelladas ao ensino, todos eles inmobles que tiveron como gran cometido
facilitar o acceso á educación para moitos nenos e nenas do amplo rural estradense. A
meirande parte destas edificacións posúe dúas plantas e están distribuídas e dous locais
na planta baixa, cos seus respectivos aseos, e dúas vivendas no piso superior, no seu día
para seren utilizadas polos mestres. A día de hoxe, se ben os locais situados na planta
baixa se empregan como local social, as vivendas adoitan estar en desuso e, moitas
veces, nun estado de abandono.
O Concello advertiu a oportunidade de aproveitar as axudas que a Xunta, a través do
referido departamento autonómico, concede para a rehabilitación ou equipamento de
edificacións en vivendas dos concellos de Galicia destinadas a atención a persoas sen
fogar para o período 2024-2025, no marco do Plan de recuperación, transformación e
resiliencia, financiado pola Unión Europea.
Na visita realizada esta semana, os dirixentes locais comprobaron sobre o terreo a
capacidade de transformación que terán as obras programadas, tendo en conta que as
vivendas situadas na planta alta da antiga casa escola de Cora se atopan en mal estado,
sendo preciso o acondicionamento interior, a substitución das ventás e o equipamento
dos espazos existentes para a súa utilización como vivenda.
O orzamento que leva parello este proxecto de dúas vivendas para emerxencia social
sitúase en torno aos 72.000 euros, con una previsión de 38.840 euros para a obra e
20.661 para o equipamento, cifras ás que habería que engadir o IVE. O prazo de
execución é de 6 meses.
As obras
O proxecto de obras configurado dende o Concello da Estrada contempla a retirada das
deterioradas instalacións existentes, caso das carpintarías ou os equipamentos actuais.
Demoleranse alicatados e solados e instalaranse outros novos nos baños e cociñas,
xunto coa pavimentación, en plaqueta cerámica, para toda a superficie das vivendas.
Farase un saneado de paramentos e teitos interiores mediante lixado, imprimación e
pintado. Substituiranse as carpintarías exteriores e dotarase ao inmoble de nova
instalación eléctrica e de fontanería
Xa no tocante ao equipamento, instalaranse mobles de cociña nas dúas vivendas, cos
seus correspondentes electrodomésticos. Ou dous inmobles contarán cunha mesa e
catro cadeiras, así como armarios en dormitorios. Instalaranse en ambas estufa de
pellets de 12 Kw.
O alcalde e a responsable de Servizos Sociais explicaron que o Concello traballa agora, a
través do citado departamento, nun novo regulamento para a emerxencia social, un
paraugas baixo o que tamén operarán estas dúas vivendas de Cora. Trátase de regular os
usos para que este tipo de inmobles se convertan nun afectivo recurso habitacional
pensado para un período de tempo concreto. É dicir, son vivendas que serían ocupadas
para axudar a persoas a dispor dun teito nun momento no que atravesan una situación
de emerxencia social, sen que sexa esta una solución residencial con vocación de
carácter permanente.






































