O alcalde mantén un encontro no Concello con técnicos de Xestur
centrado nos traballos para a aprobación do Plan Estruturante de
Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), previo á urbanización dos
terreos.
Esta segunda ampliación ten unha superficie prevista de 156.685 metros
cadrados brutos e unha superficie en parcelas de 99.881
“Este é un proxecto estratéxico para A Estrada. Xunto coa autovía e a
vivenda pública, o incremento das opcións laborais no municipio veñen
da man deste polígono industrial”, sinala o rexedor estradense.
– O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, mantivo a
primeira hora desta mañá unha reunión de traballo con técnicos de Xestur -sociedade
encargada da xestión do solo en Galicia- tendente a continuar dando pasos na
tramitación da ampliación pública do polígono industrial de Toedo. O principal parque
empresarial estradense verá incrementada a súa superficie actual con case 157.000
metros cadrados, nunha bolsa de terreo localizada a carón da sede de Emerxencias A
Estrada e emprazada ao outro lado da PO-841, fronte ás actuais parcelas industriais.
Na reunión participaron tamén técnicos da empresa responsable da elaboración do Plan
Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) e do proxecto de urbanización,
xunto con integrantes dos departamentos técnicos do Concello. O principal cometido da
sesión de traballo foi analizar os pasos e prazos vencellados á elaboración do citado plan,
coa pretensión de que se poidan someter a trámite de aprobación inicial o antes posible.
Louzao Dono indicou que, una vez acadada a aprobación definitiva do PEOSE, chegaría o
momento de emprender o proxecto de urbanización para este novo ámbito. O parque
conta con unha superficie prevista de 156.685 metros cadrados brutos e unha superficie
en parcelas de 99.881. Trátase dunha segunda ampliación do polígono de Toedo.
O documento someteuse a tramitación ambiental, que foi emitida en outubro de 2024.
Entregouse a Xestur para revisión en febreiro deste ano, de xeito que actualmente se
están finalizando as rondas de contactos coas distintas administracións para pechar o
documento e deixalo listo para aprobación inicial.
“Este é un proxecto estratéxico para A Estrada. Xunto coa autovía e a vivenda pública, o
incremento das opcións laborais no municipio veñen da man deste polígono industrial. A
ampliación, por iniciativa pública, deste parque é fundamental para o asentamento de
novas empresas”, recalcou o alcalde da Estrada. Gonzalo Louzao recoñeceu que
algunhas firmas están xa preguntando por este solo, tanto no Concello como a través da
propia Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial. “O goberno porá
medios humanos e materiais ao servizo de poder contar con esta ampliación do polígono
de Toedo o antes posible”, engadiu o rexedor local.







































