EL CONCELLO APURA A REPOSICIÓN DUNHAS 400 LUMINARIAS DORURAL DANADAS POR DÚAS SUCESIVAS DESCARGAS ELÉCTRICAS

 A primeira tronada deixou sen luz máis de 280 puntos en distintas
parroquias e, días despois, unha nova descarga avariou outros 120.
 O habitual stock de 150 pezas non chegou para atender a incidencia, que
se ve tamén condicionada polos tempos de agarda no subministro e
reparación das pezas afectadas.
 A empresa fará un estudo para ver como conseguir que os novos equipos
non sexan tan sensibles ás descargas eléctricas.
 Agardan que as luminarias pendentes queden repostas no prazo “dunha
semana ou dez días”.

O amplo ámbito rural do Concello da Estrada conta con
máis de 10.000 puntos de luz na rede de alumeado público. Este servizo foi obxecto nos
últimos anos dunha ambiciosa actuación de renovación e mellora, sufragada en boa
parte con fondos europeos. Porén, estes días as brigadas municipais dedican esforzos á
reposición de luminarias danadas por dúas descargas eléctricas sucesivas en distintas
parroquias. Tras recibiren diversos avisos no consistorio, dende a administración
municipal detállase que estas incidencias non son casos illados, senón que dúas fortes
tronadas están detrás da avaría duns 400 puntos de luz.
Ante esta situación, o departamento que dirixe Óscar Durán púxose en contacto coa
empresa que fabrica estas luminarias, emprazada en Pontevedra. Técnicos da compañía
visitaron o municipio e avanzaron ao goberno local a intención de realizar un estudo
sobre a sensibilidade dos sensores de descarga, na procura de garantir que teñan unha
maior resistencia ante fenómenos meteorolóxicos coma as tormentas eléctricas. De
igual xeito, dende a empresa asegurouse ao Concello que, no caso de que se volva
producir unha incidencia como a actual, reforzarse a quenda de traballo na planta para
poder acurtar os tempos de resposta.

Durán explicou que na primeira descarga foron 280 os puntos de luz que se viron
afectados. O Concello conta cunha reserva para a reposición de 150 unidades, de xeito
que as existencias esgotáronse en tempo récord e mesmo foron insuficientes para cubrir
as necesidades reais. Máis aínda se se ten en conta que a segunda descarga eléctrica
intensa afectou ao municipio estradense poucos tempo despois, deixando outros 120
puntos afectados.
“O cambio é rápido pero a reparación é lenta na fábrica”, sinalou Óscar Durán. Indicou
que os electricistas do Concello realizan estas saídas levando todo o material se hai stock
(fusible, transformador e cabeza), tentando deixar reparado o punto de luz. Despois, o
material envíase á empresa para a súa reparación, unha cuestión que esixe un tempo de
agarda. O problema neste caso vén dado polo feito de que foron moitas as luminarias
estragadas pola tronada, de maneira que nin as reservas chegaron ni os tempos de
espera se deron acurtando, entre os novos subministros e o que leva efectuar cada
reparación.
Hoxe venres chegaron novos equipos para facer fronte ás reparacións pendentes. Os
electricistas tiñan por diante a reposición de máis de medio cento de luminarias,
estimando que “nunha semana ou dez días” poida quedar completamente resolta a
forte incidencia rexistrada.
A esta situación engádese a circunstancia de que un dos camións lixeiros empregados
por las brigadas de electricistas avariouse. O Concello prepara uns pregos para a
adquisición dun novo camión e para a contratación doutro traballador, de xeito que este
servizo poida quedar reforzado e conte con tres operarios e outros tres vehículos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.