O balance do último orzamento executado fixa en 4.270.167 euros o
remanente de Tesourería para gastos xerais.
O goberno estradense conseguiu incrementar o orzamento municipal
por encima dos 11 millóns de euros, pasando dos 16,8 inicialmente
previstos a sobrepasar os 28.
A capacidade de xestión e atracción de fondos doutras administracións
permitiu que os investimentos reais medrasen dos 476.580 euros ata os
máis de 7,5 millóns.
Todos os datos da liquidación reflicten o retorno da boa saúde
económica e financeira, logo de dúas liquidacións orzamentarias
salpicadas pola demora na transferencia de fondos europeos por parte
do Goberno Centra
O Concello da Estrada conseguiu regresar á senda
económica que o executivo local veu describindo dende 2011, un camiño do que só se
desviou cando a demora dos pagos, por parte do Goberno Central, das achegas
correspondentes a proxectos financiados con fondos europeos comprometeu a
estabilidade financeira e as liquidacións dos exercicios económicos 2022 e 2023.
“Despois do bache sufrido, volvemos á nosa senda habitual”, sintetizou o edil estradense
de Economía e Facenda, Alberto Blanco. Foi el o encargado de aportar os datos
principais derivados da liquidación do ano 2024, cun balance altamente positivo que
evidencia a boa saúde da economía local.
Os informes do departamento de Intervención amosan uns remanentes que chegan á
cifra de 6.658.721, se ben se recolle finalmente que o remanente de Tesourería que
pode ser destinado a gastos xerais ascende a 4.279.167,20 euros.
O balance deixa varios datos relevantes. Os dous primeiros aspectos que se sinalan é que
cumpre co obxectivo da regra de gasto, de acordo co artigo 12 da Lei Orgánica 2/2012 de
Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira. De igual xeito, establécese o
cumprimento do principio de estabilidade financeira.
A maiores, pódese apreciar que, se ben o Concello da Estrada aprobou para o exercicio
económico de 2024 un orzamento de 16.897.897 euros, a liquidación amosa que se
elevou finalmente este montante a 28.051.237,30. Isto supón un incremento de máis de
11,1 millóns de euros con respecto ás estimacións iniciais do goberno que encabeza
Gonzalo Louzao.
Neste contexto, a última liquidación orzamentaria permite apreciar datos tan
significativos como o incremento dos investimentos reais contemplados no 2024.
Inicialmente, o goberno levou ás previsións orzamentarias coas que se aprobou a conta
municipal para o pasado exercicio 476.580 euros. Porén, “a capacidade de xestión do
goberno municipal para atraer fondos doutras administracións” fixo que esta cifra
medrase ata sobrepasar os 7,5 millóns de euros (7.546.796,38). Isto axuda a explicar o
significativo incremento do último orzamento executado polo goberno estradense con
respecto ás previsións iniciais.
A liquidación do orzamento de 2024 deixa tamén datos sobre a boa saúde financeira do
Concello da Estrada, tendo en conta que amosa que o estado actual do endebedamento
do Concello se sitúa nun 30,61%. Isto supón que a administración estradense tería aínda
marxe se quixera incrementar esta porcentaxe, fixándose o límite no 75%. Falando en
euros, a administración local aínda tería posibilidade de ampliar o endebedamento en
máis de 12,5 millóns de euros.
O goberno estradense dará conta desta liquidación orzamentaria no pleno ordinario
correspondente ao mes de abril.







































