A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do proxecto á
empresa Taboada y Ramos S.L.U, que executará os traballos por
1.037.607 euros.
A actuación comezará polas rúas Don Nicolás e Marqués de la Vega de
Armijo, continuando despois pola confluencia das rúas 56 e San Paio.
Quedará para o inicio de 2026 a execución dos traballos no que é a
propia praza, de xeito que se garanta menos incidencia para os días de
Nadal e o paso das cabalgatas.
A intervención non afectará ás actuais beirarrúas empedradas, tal e
como aconteceu cando se actuou sobre Calvo Sotelo e Ulla.
A Xunta de Goberno Local da Estrada deu este
mediodía luz verde definitiva á proposta de adxudicación do contrato da obra de
humanización da Praza de Galicia á firma Taboada y Ramos S.L.U. O executivo que encabeza
Gonzalo Louzao Dono agarda que as obras arranquen no mes de outubro e que se
desenvolvan axustándose a unha folla de ruta que buscará minimizar o impacto sobre a
campaña de Nadal, tanto para o comercio local como para o conxunto da cidadanía.
O alcalde adiantou hoxe a previsión de que os traballos comecen polas rúas Don Nicolás e
Marqués de la Vega de Armijo, continuando de seguido polas rúas San Paio e 56. Isto fará
posible que a execución do proxecto avance reservando para o final a actuación na Praza de
Galicia en si, humanizando previamente toda a súa contorna e deixando este céntrico
espazo para a entrada de 2026. Con isto, sinalou o rexedor estradense, o que se busca é que
a obra non entorpeza o desenvolvemento do Nadal na zona de maior concentración de
comercio e servizos da capital estradense, sendo tamén este un enclave obrigado e
neurálxico para os percorridos das cabalgatas de Papá Noel e Reis.
“A campaña de Nadal é a máis importante para o comercio local e queremos que se
desenvolva dentro do marco da maior normalidade posible, compatibilizándoa cunha obra
que virá poñer a guinda a todo ese proceso humanizador aplicado nesta arteria tan
importante para a capital municipal”, apuntou o alcalde. Se seguido, sinalou que a obra que
executará Taboada y Ramos non afectará ás actuais beirarrúas empedradas, tal e como
aconteceu cando se actuou sobre Calvo Sotelo e Ulla, nas que se aproveitaron os anchos
pasos peonís preexistentes.
En maio
“A obra grande será na superficie asfaltada”, remarcou Louzao Dono. Isto contribuirá tamén
a minimizar a afección sobre a actividade comercial e residencial nesta céntrica zona do
casco urbano, tanto na campaña de Nadal coma o día a día, coa previsión de que os traballos
se prolonguen ata o vindeiro mes de maio.
A empresa adxudicataria ten un prazo de seis meses para completar a execución do
proxecto e comprometeuse a facelo por un importe de 1.037.607,80 euros. As obras serán
financiadas no marco do convenio asinado entre o Concello da Estrada e a Deputación
Provincial de Pontevedra, ente que aportará 807.000 euros a esta actuación a través do Plan
Provincia Extradordinaria-Plan Extra.
Enclave emblemático
A humanización da Praza de Galicia afronta a peonalización dun dos enclaves máis
emblemáticos da Estrada, alí onde se cruzan os camiños que no seu día foron xénese para o
desenvolvemento urbanístico da vila. O goberno de Gonzalo Louzao someteu a consulta
cidadá o emprazamento do farol ornamental que bautiza, de xeito oficioso, esta praza.
Recollendo o sentir dos estradenses, o proxecto executarase conservando o elemento,
aínda que aproximándoo ao punto onde arrancará todo un longo paseo peonil que, xa coa
Praza de Galicia pechada ao tráfico, continuará por Calvo Sotelo e Ulla ata chegar á Porta do
Sol.
A obra suporá gañar para o peón unha céntrica superficie urbana duns 4.000 metros
cadrados. Coma se vén perfilando meses atrás, a actuación non queda só na Praza de Galicia,
senón que se expande cara os entronques coa malla urbana na que se asenta, chegando así
á praza onde conflúen as rúas 56 e San Paio -onde agora se localiza a escultura da Rapa das
Bestas-, á Rúa Marqués de la Vega de Armijo, Pérez Viondi e Don Nicolás.






































