O alcalde estradense mantén a súa primeira reunión institucional co
presidente da Xunta de Galicia.
O dirixente galego compromete colaboración económica para o
desenvolvemento turístico da praia de Porta Pousada.
A Xunta asumirá en 2026 melloras prioritarias na PO-213 e planificará
novas actuacións nesta infraestrutura.
Rueda confirma o avance en prazo da AG-59 e sinala que o novo edificio
xudicial entra en fase de amoblamento para a súa próxima entrada en
funcionamento.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, vén de
manter a súa primeira reunión institucional co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso
Rueda, un encontro no que tiveron ocasión de abordar algúns dos proxectos estratéxicos
para o futuro deste municipio e do que o rexedor estradense saíu coa satisfacción de novos
compromisos de respaldo autonómico. Un deles foi o apoio ao proxecto de reforma da praia
fluvial de Liñares, ao obxecto de converter este recinto natural próximo ao casco urbano nun
verdadeiro espazo referencial para esparexemento dos estradenses e tamén nun polo de
dinamización turística.
Ao termo da reunión, que se prolongou ata xa entrada a tarde, o alcalde informou de que
quixo comezar pola Xunta a procura do financiamento necesario para executar unha
ambiciosa actuación na praia fluvial, tamén coñecida como Porta Pousada e de xestión
municipal dende 2020. Gonzalo Louzao resumiu ao presidente da Xunta as liñas estratéxicas
do proxecto no que traballa o goberno local, buscando ofrecer unha transformación a un
recinto que o propio Rueda tivo ocasión de visitar anos atrás.
A iniciativa conservaría a aposta decidida polo valor medioambiental do recinto e a
importancia que as contornas fluviais teñen na Estrada, se ben se procuraría para el unha
acción que incremente o seu peso como recurso de atracción turística neste concello de
interior. Tras coñecer detalles do anteproxecto resumido polo alcalde, o presidente da
Xunta comprometeu colaboración económica para o desenvolvemento turístico desta praia
fluvial.
Outro dos asuntos que o alcalde abordou co presidente galego foi a mellora da estrada
autonómica PO-213 (A Estrada-Ponte Ulla). O rexedor puxo o acento nos problemas
trasladados por veciños e usuarios desta infraestrutura e o dirixente autonómico
comprometeuse a afrontar, no marco do exercicio 2026, as intervencións que resultan
prioritarias, pensando en seguir encaixando nos plans da Xunta novas actuacións de
mellora.
En materia de comunicacións non podía faltar nesta reunión institucional a prolongación da
autovía AG-59, chamada a unir A Estrada con Santiago. Alfonso Rueda confirmou ao alcalde
que se avanza segundo os prazos e compromisos adquiridos, de xeito que este ano se
estreará o tramo que chega a Pontevea para que poida arrancar xa o treito que achegará
esta vía de alta capacidade ata O Rollo, na parroquia estradense de Santa Cristina de Vea.
Edificio xudicial
No transcurso desta reunión tamén houbo tempo para avaliar a situación da obra do novo
edificio xudicial da Baiuca, que reunirá nun mesmo inmoble as dúas salas estradenses e que
vén reforzar o propio partido xudicial. O presidente sinalou que se está traballando no
amoblamento das novas instalacións para a súa próxima entrada en funcionamento..
Alfonso Rueda informou tamén ao mandatario local de que se atopa en fase de redacción o
proxecto das 28 novas vivendas de promoción pública que se construirán na Estrada, toda
vez que os dous dirixentes tiveron oportunidade de repasar o estado da ampliación pública
do polígono industrial de Toedo, recentemente exposto pola conselleira de Economía e
Industria, María Jesús Lorenzana, ao empresariado local.
Gonzalo Louzao non quixo deixar pasar a ocasión de recoñecer a evidencia de que o goberno
de Rueda Valenzuela “está nas cousas importantes para o futuro da Estrada”. Aínda que as
peticións e as novas propostas que precisan apoio institucional continúan aflorando, o
alcalde asumiu nesta reunión a transcendente papel que o actual executivo galego ten
nalgúns dos proxectos máis emblemáticos e transformadores do municipio estradense.







































