O CONCELLO PROPÓN Á SOCIEDADE RÍO ULLA AMPLIAR A CESIÓN DAPRAIA FLUVIAL ATA OS 50 ANOS PARA POSIBILITAR O INVESTIMENTO

 Despois de consultalo cos servizos xurídicos, traslada a proposta á
directiva da entidade, que a someterá agora ao criterio dos socios.
 Esta fórmula faría posible destinar fondos doutras administracións ao
recinto porque abriría un escenario temporal que permitiría a súa
amortización.
 En 2020 pactouse con Río Ulla unha cesión a 20 anos, que logo quedou
ampliada a 25.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, aportou hoxe
novos detalles do proxecto de posta en valor e dinamización turística da praia fluvial de
Liñares que promove o goberno local e para o que o executivo local iniciou, xa no primeiro
encontro institucional do rexedor co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a busca de
financiamento. O punto de partida desta iniciativa hai que buscalo no escenario proposto á
Sociedade Deportiva Río Ulla para posibilitar o investimento neste recinto, agora de xestión
municipal. O Concello suxire á entidade ampliar a cesión da praia ata os 50 anos, no canto
dos 25 inicialmente pactados.
Louzao Dono explicou que, antes de emprender a procura de fondos para a reforma do
recinto, consultouse aos servizos xurídicos que fórmula faría viable o investimento público
nun espazo que é propiedade dos integrantes da referida sociedade estradense. Segundo se
explicou, a clave está no tempo de cesión, que tería que chegar a unha vixencia de 50 anos
para entender amortizado un gasto de fondos procedentes de administracións autonómicas
ou provinciais, por exemplo.
O alcalde indicou que xa se lle deu traslado desta proposta á directiva da Sociedade Río Ulla
e, aínda que se asegura que houbo boa receptividade, a cuestión será exposta
proximamente aos socios nunha reunión extraordinaria.
Cómpre lembrar que, inicialmente, o convenio entre esta entidade e o Concello da Estrada
se fixou en 2020 para 20 anos, que logo se elevaron a 25. Agora o que se propón é amplialo
ata chegar aos 50, de xeito que o acceso á praia fluvial en todo ese marco temporal sexa
público e amparado pola xestión municipal do recinto.

Mentres de define a cuestión, o Concello está explorando xa diferentes vías de
financiamento, paso previo á elaboración dun proxecto que afonde nas ideas que o goberno
local ten para este espazo e que permita definir en firme a cifra definitiva que se precisaría
para executalo.
Actuación ambiciosa
Gonzalo Louzao puxo o acento en que, se a praia fluvial de Porta Pousada ten, pola vía da
cesión, acceso público e xestión municipal, é importante poder procurarlle unhas condicións
e un mantemento axeitado. Como se avanzou este luns, o obxectivo sería executar unha
ambiciosa actuación na praia, na que convivan a aposta decidida polo valor medioambiental
do recinto e a importancia que as contornas fluviais teñen na Estrada xunto a unha acción
que incremente o seu peso como recurso de atracción turística neste concello do interior.
Deste xeito, ademais dunha mellora de toda a ampla zona verde e de valorización do marco
fluvial, o alcalde expresou que se procura unha intervención que atenda a varios puntos. Un
deles será a zona edificada, con vestiarios e área de hostalería. Sería preciso actuar tamén na
zona de estacionamentos, peche frontal, mellora da accesibilidade, paseos interiores e
espazo para eventos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.