O corpo municipal remitirá o seu atestado ao Xulgado de Primeira
Instancia e Instrucción e á Fiscalía de Menores, pola implicación dunha
persoa menor de idade.
Á espera dunha valoración económica máis detallada, estímase
inicialmente que os danos rexistrados poden rondar os 12.000 euros.
Foron varios os puntos afectados pola acción vandálica, caso dun tótem
publicitario en Calvo Sotelo, a fonte da Porta do Sol, un pivote luminoso
na Rúa do Cruceiro e varios árbores e xardineiras.
A Policía Local da Estrada ten identificadas a cinco
persoas en relación aos actos vandálicos que esta fin de semana se cebaron co mobiliario
urbano en distintas rúas da capital estradense. O corpo policial remitirá o atestado ao
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución e á Fiscalía de Menores, xa que unha das persoas
que foron identificadas no acada a maioría de idade.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, contactou esta mañá a primeira hora co xefe da
Policía Local para coñecer de preto como avanza a investigación, aberta logo de contactar
con varias persoas que presenciaron os feitos. Aínda que será ao peche do atestado policial
cando se coñeza con maior detalle a canto ascenden os danos rexistrados, as estimacións
iniciais apuntan a cifras que rondan os 12.000 euros. A contía superior a os 400 euros fai que
estes feitos poidan ser constituíntes dun presunto delito de danos.
Foron varios os puntos onde se rexistraron actos vandálicos nas últimas horas. Un deles foi a
peonil rúa Calvo Sotelo, onde quedou esnaquizado un tótem publicitario da Asociación de
Comerciantes da Estrada (ACOE). A maiores, a Policía Local contabiliza importantes danos na
fonte existente na Porta do Sol, nun pivote luminoso da Rúa do Cruceiro e tamén en diversos
árbores e xardineiras. Estes últimos elementos foron obxecto desta acción vandálica xusto
cando veñen de seren repostas as súas plantas.
Aínda que a Policía Local teña identificadas a cinco persoas non implica que sexan cinco os
autores materiais destes danos. O grado de implicación de cada unha delas será unha
cuestión que se dirimirá segundo avance o procedemento.
“A Policía Local fixo o seu traballo”, apuntou hoxe o alcalde, que remarcou a existencia de
testemuñas que poden contribuír a que as persoas que están detrás de estes danos ao
mobiliario urbano e, polo tanto, ao patrimonio público, respondan polas súas accións. “Sería
un delito de danos graves polo seu importe”, sinalou o rexedor local, que non ocultou que
este tipo de actitudes “entristece moito aos que queremos ter unha vila tranquila e
embelecida”.
Puxo o acento o xefe do executivo local en que dende o Concello se vén realizando un
importante esforzo por mellorar a limpeza e estética das rúas estradenses e que os actos
vandálicos botan por terra o traballo de mantemento. No esqueceu o alcalde agradecer a
colaboración cidadá que foi necesaria para a identificación destas persoas e animou a que
esta implicación se manteña polo ben común.
“Evidentemente, non hai nin pode haber un policía en cada esquina e momento e todos
precisamos colaborar para que poidamos ter unha vila tranquila e coidada, procurando que
estes actos non se repitan e estas estampas poidan quedar no anecdótico”, manifestou
Gonzalo Louzao.







































