- O equipo rector do proceso congresual, presidido por Juan Constenla, recibíu a documentación do rexedor e, tras o seu exame, determinou que cumpre cos requisitos de militancia, estatutarios e avais
- O COC vén de convocar unha campaña electoral interna, previa ao cónclave do 19 de outubro, que se prolongará durante dez días para que explique o seu proxecto á militancia
O Comité Organizador do Congreso (COC) do PP da Estrada vén de proclamar como válida a candidatura de Gonzalo Louzao Dono, actual alcalde do municipio, como único aspirante á presidencia do partido no 11º cónclave local da formación, fixado para o domingo 19 de outubro.
O equipo rector do proceso congresual, presidido polo ex secretario xeral Juan Constenla, recibíu a documentación de mans do propio Gonzalo Louzao e, tras o seu exame nunha reunión mantida na sede do partido na Estrada, determinou, segundo a acta de proclamación, “que reúne os requisitos previstos sobre antigüidade de militancia, pago de cotas e demais obrigas estatutarias e que presentou os avais requeridos”, que eran un mínimo de 60 en base ao recollido no regulamento deste proceso.
Deste xeito, Gonzalo Louzao pasa a ser oficialmente candidato á presidencia do PP da Estrada e poderá comezar, tras o ditaminado polo COC, unha campaña electoral interna de presentación do seu proxecto e de contacto coa militancia que se prolongará durante dez días.
Posteriormente, o xa candidato a suceder nesta responsabilidade orgánica ao actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ex alcalde, José López, que dirixíu o partido durante os últimos quince anos, deberá presentar formalmente aos demais integrantes da futura xunta local do PP de Estrada, conformada por unha vintena de persoas e que tamén terá que ser validada e proclamada polo comité organizador antes da celebración do congreso.







































