O ALCALDE SUPERVISA AS OBRAS QUE PERMITEN AMPLIAR A ZONAVERDE NA CARBALLEIRA MUNICIPAL COA RETIRADA DE ESPAZOASFALTADO

 Os traballos están a piques de quedar rematados e eliminaron unha
antiga área asfaltada na década dos 90 que se adentraba no recinto,
gañando 300 metros cadrados de superficie para a zona verde.
 Dous paseos construídos en xabre cruzan a superficie, que tamén se
someteu a unha importante roza e limpeza.
 Esta actuación foi financiada con fondos do Plan de Compensación
Ambiental para o ano 2025.

Tras varias semanas de obras, o alcalde da Estrada,
Gonzalo Louzao Dono, visitou estes días a Carballeira Municipal -emprazada na Zona
Deportiva, a carón do recito que ocupan a Academia Galega de Seguridade Pública
(Agasp) e o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)-112 Galicia- para
coñecer de primeira man o avance dos traballos que se veñen realizando neste recinto
natural, nun intento por gañar espazo para a zona verde a través da eliminación de
superficies asfaltadas.
O rexedor acudiu acompañado polo arquitecto técnico municipal, Daniel Órrea, e polo
responsable da empresa adxudicataria destas obras, valorando sobre o terreo as
intervencións que os usuarios xa poden atopar materializadas.
De feito, aproveitando as agradables condicións meteorolóxicas de días atrás, foron
moitos os estradenses que xa quixeron achegarse ata esta área de esparexemento para
gozar da sombra dos carballos centenarios e aproveitar o entorno para a práctica
deportiva. Nel puideron atopar os novos camiños realizados, así como a supresión da
superficie de asfalto que ata o de agora había na entrada principal do recinto.
Neste senso, cómpre lembrar que a intervención programada estivo centrada na
eliminación dunha antiga zona asfaltada, en beneficio da zona verde. A actuación
supuxo a retirada do aglomerado asfáltico que invadía a zona da carballeira e que foi
realizado na década dos 90, de xeito que os vehículos xa non poderán acceder ao paseo.

Demoleuse e retirouse o pavimento existente nunha superficie de algo máis de 300
metros cadrados.
Ademais, aproveitouse a ocasión para efectuar unha roza e limpeza da totalidade da
superficie. A obra ampliouse coa formación de paseos con xabre-cemento, por seren
este un material de fácil integración e para o que se estima una durabilidade axeitada.
Son dous paseos que cruzan a Carballeira e teñen un ancho de 1,5 metros.
“Dende hai anos ata esta área recreativa podía chegarse a través dunha vía pavimentada
en asfalto que remataba por adentrarse na propia carballeira. Agora, con esta
intervención, é a zona verde a que sae ampliada e mellorada, incrementando o espazo
natural posto a disposición da cidadanía para gozar do aire libre e dun fermoso paraxe a
escasa distancia dos institutos e moi próximo ao casco urbano”, sinalou Louzao Dono. O
rexedor estradense subliñou que este é un proxecto que buscou a posta en valor da
Carballeira Municipal, coa intención de que os cidadáns poidan chegar en mellores
condicións ata este espazo para gozar do seu tempo de ocio e descanso.
Esta actuación na Carballeira Municipal foi financiada con fondos do Plan de
Compensación Ambiental para o ano 2025.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.