O programa, financiado por Agader, contempla obras de pavimentación
en tres vías de titularidade municipal que contectan estas dúas
parroquias da Estrada.
Unha das infraestruturas avanza en paralelo ao curso do Umia e xa foi
obxecto de sucesivos bacheos.
A Xunta de Goberno Local da Estrada aprobou na súa
sesión deste luns o inicio do expediente de contratación das obras do Plan Camiña Rural
2025, financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Desta volta o
executivo apostou por introducir neste plan a pavimentación de vías que son de
titularidade municipal e que conectan as parroquias de Ribela e Codeseda. O montante
das actuacións programadas é de preto de 160.000 euros (159.641).
As vías incorporadas ao Plan Camiña Rural presentan un pavimento con fochas e unha
alta fisuración, que afecta impermeabilidade do mesmo, permitindo a entrada de auga
nas explanadas, o que desencadea un colapso estrutural importante. A actual capa de
rodadura non cumpre coas esixencias de regularidade, macrotextura e rozamento, o
que conleva un problema de seguridade, comodidade na condución e ruídos provocados
polo tránsito.
Así, o alcalde, Gonzalo Louzao, explicou que se apostou por incluír neste plan o camiño
que conecta o lugar da Igrexa (en Ribela) co do Arnado (Codeseda), unha infraestrutura
que avanza a carón do curso do río Umia, nunha zona sombría na que, segundo detallou
o rexedor, se practicaron bacheos en distintas ocasións. Asumiu o mandatario que este
deterioro sucesivo esixe agora unha actuación de maior envergadura, de xeito que se
practicará un aglomerado en quente, logo dunha limpeza dos foxos e un varrido da
superficie.
Outra das vías nas que se actuará con arranxo a este plan será nun ramal da anterior que
atravesa Trabadela, tamén na parroquia de Ribela, de novo mediante limpeza de foxos,
varrido superficial e firme a base de aglomerado en quente, con rega de adherencia. A
mesma actuación resérvase para A Portela, na parroquia de Codeseda.
Para a realización do pavimentado será preciso o corte ó tráfico durante unha xornada.
Indicaranse itinerarios alternativos co obxecto de causar os menores prexuízos ós
residentes e usuarios destas vías.
En todo caso, tras a aprobación hoxe do importe, as actuacións e o inicio do
procedemento, continúa agora o trámite para a contratación das obras.







































