A ESTRADA DESEÑA UN DÍA DE ACTIVIDADES PARA CONMEMORAR O 15DE OUTUBRO COMO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER RURAL

 En apoio ao mercado de proximidade e á produción local, capitaneada
por moitas mulleres, distintas asociacións farán a compra co chef Álex
Iglesias, con posterior showcooking e degustación.
 Pola tarde, Marisa Diéguez e as irmás Rosario e Dolores Gamallo
achegarán os seus exemplos de emprendemento e apoderamento
feminino dende o rural estradense.

A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, dou
a coñecer hoxe a programación coa que o Concello da Estrada conmemorará o 15 de
outubro como Día Internacional da Muller Rural. Fíxoo no marco do espazo radiofónico
centrado en Igualdade que emite cada xoves a emisora municipal Radio Estrada,
conducido por Pablo García en colaboración coa tamén presidenta da asociación
Mulleres da Estrada, Kim Llobet. Coincidindo coa celebración feiral do vindeiro
mércores, o Novo Mercado será o espazo para a primeira parte dun programa que
buscará falar do apoderamento feminino nun ámbito no que o papel das mulleres
sempre foi crucial.
“A sociedade non se pode entender sen o papel da muller e o rural aínda menos”,
sinalou Goldar, logo de que Llobet recoñecese que A Estrada sempre conmemora esta
data destacada “como un punto de inflexión para agradecer a contribución do mundo
feminino ao espazo rural”. “Este ano volveremos facelo cun acto no que se pretende
combinar gratitude e recoñecemento”, coincidiron.
O programa arrancará o 15 de outubro arredor das 11.30 horas e da man de distintas
asociacións de mulleres. En apoio ao mercado de proximidade e á produción local, en
gran parte dos casos sustentada por mulleres, unha representante de cada un destes
colectivos fará a compra no Novo Mercado co chef Álex Iglesias. Gozarán da variada
oferta dos produtos de cercanía, que logo prepararán nun showcooking. A actividade
matutina, convocada en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR)
Pontevedra Norte, rematará con degustación.
Xa pola tarde e na Sala MOME, a programación continuará con dous exemplos de
mulleres dedicadas profesionalmente ao medio rural e a sectores tradicionalmente

masculinizados. É o caso das irmáns Dolores e Rosario Gamallo, da empresa estradense
Gamallo Forestal, que se dedica ao subministro de leña para chemineas e cociñas.
A outra convidada será Marisa Diéguez, dedicada a produción de mazá para a
elaboración da sidra, un sector de gran pulo no tecido primario estradense.
Todas elas compartirán cos asistentes as súas propias experiencias, afondando na idea
de que o medio rural é un ámbito axeitado para o emprendemento e o apoderamento
feminino ou, como expresou Goldar, “que o noso rural ten futuro”.
A concelleira de Servizos Sociais quixo aproveitar a ocasión para incluír nesta xornada
centrada na muller rural unha petición de apoio ao mercado de proximidade. “Quero
que o acto sirva tamén para promover que a xente merque no Novo Mercado os nosos
produtos de proximidade, de excelente calidade e detrás dos que están moitas mulleres.
Non hai máis que ver as bancadas dos mércores, por exemplo”, dixo Amalia Goldar.
“Para que o noso mercado municipal sobreviva é necesario que o consumidor confíe no
esforzo destas produtoras e produtores. Os que non poidamos ir os mércores, sempre
podemos ir os sábados”, apuntou. Indicou que o mércores estará presente nesta
xornada a asocición de productores estradenses.
Finalmente, a concelleira quixo facer hoxe un recoñecemento á muller rural tamén na
figura de Avelina Valladares, como creadora cultural e protagonista do Rexurdimento
das nosas letras dende a parroquia estradense de Berres. O 15 de outubro estará xa
próximo a data na que se conmemora o 200 aniversario do seu nacemento, nun 2025 no
que o Concello da Estrada lle dedica o seu Ano Cultural.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.