Os alcaldes celebran unha reunión de traballo para avanzar na
configuración dun convenio, previo a formalizar esta solicitude ante a
Xunta a comezos de ano.
Belén Cachafeiro expresa a súa vontade e interese de que se retome o
servizo compartido e de que as veciñas de Forcarei coñezan a existencia
deste recurso ao seu dispor.
O CIM comenzou a funcionar na Estrada en 2003 e atendeu en 2024 a
160 usuarias, cifra que xera arredor de 550 consultas anuais.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a alcaldesa
de Forcarei, Belén Cachafeiro, mantiveron este mediodía unha reunión de traballo na
que comezar a sentar as bases para solicitar unha xestión conxunta do Centro de
Información á Muller (CIM). Na sesión estiveron tamén presentes a concelleira de
Servizos Sociais, Amalia Goldar, e a directora do CIM, Margarita de la Calle.
A rexedora forcaricense expresou a súa vontade e desexo de retomar este servizo
compartido. Neste senso, cómpre explicar que o CIM comezou a funcionar na Estrada no
ano 2003, cun ámbito de actuación comarcal. Con todo, o servizo leva anos sendo
xestionado unicamente pola administración estradense. O que se pretende agora é que
estes dous municipios veciños asinen un convenio e soliciten, de cara ao inicio do
vindeiro exercicio, unha xestión compartida, podendo acceder de maneira conxunta ás
subvencións establecidas ao efecto pola Xunta de Galicia.
Aínda que ata o de agora o Concello da Estrada solicitaba en solitario esta achega
autonómica para o seu CIM, o servizo non deixou de atender a usuarias procedentes do
Concello de Forcarei, na súa meirande parte derivadas pola Garda Civil ou polos servizos
sociais forcaricenses.![]()
Cachafeiro puxo o acento no seu interese de que as veciñas de Forcarei coñezan a
existencia deste recurso e non dubiden en dirixirse ao Centro de Información á Muller,
que seguirá atendendo no Concello da Estrada a todas as forcaricenses que o demanden.
O CIM ofrece atención legal e psicolóxica á muller, realizando unha actuación integrada
ante situacións de violencia de xénero.
O Centro de Información á Muller comenzou a funcionar na Estrada fai 22 anos e
atendeu en 2024 a 160 usuarias, unha cifra que se sitúa lixeiramente por encima da súa
media anual e que xera arredor de 550 consultas no último exercicio de referencia.






































