O CONCELLO AMPLIARÁ A ATENCIÓN DO PUNTO LIMPO, APOSTANDOPOLO HORARIO DE TARDE PARA AUMENTAR A APERTURA DO RECINTO

 A Xunta aporta 93.000 euros para a mellora destas instalacións
medioambientais, emprazadas en Penerada.
 Nas 14 horas actuais de servizo, a media de usuarios sitúase nos 100. Os
sábados non baixan dos 50.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro
de Servizos Municipais, Óscar Durán, acompañaron esta mañá ao delegado territorial da
Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, durante a súa visita ás instalacións do
punto limpo municipal, que vén de recibir unha achega económica por parte da
administración galega. No contexto desta visita, os dirixentes locais avanzaron a
intención de que o servizo amplíe o seu horario na franxa vespertina.
No marco da visita, o delegado territorial explicou que a Consellería de Medio Ambiente
destinou un millón de euros para axudar aos concellos pontevedreses na xestión de
residuos. Indicou que, no caso do Concello da Estrada, a achega acadou os 93.000 euros
para melloras no punto limpo de Penerada. “É unha aposta da Xunta de Galicia para
axudar aos concellos, que sabemos que teñen necesidades neste senso, e para loitar
para que a xente se conciencie de que ten que empregar estas instalacións”, apuntou
Reguera.
O alcalde estradense explicou de seguido que estes fondos se empregarán para a
mellora dun recinto “que cada vez é máis visitado porque hai cada vez unha maior
concienciación da necesidade de reciclar”. Foi entón cando Gonzalo Louzao recoñeceu
que “fan falta máis horas porque son moitos os usuarios que se achegan ata estas
instalacións”. “Vemos que, sobre todo, faría falta amplialo en horario de tarde e estamos
falando coa empresa adxudicataria da xestión para ver como organizalo”, sinalou.
Actualmente o punto limpo estradense está aberto de 09.00 a 13.00 horas os xoves e
venres e en horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00. Deste xeito,
son 14 horas á semana nas que se vén rexistrando unha media de 100 usuarios. O servizo
vén constatando que os sábados as instalacións rexistran un mínimo de 50 persoas que
desexan depositar residuos de distinta natureza.

As instalacións realizaron un peche o pasado mes de marzo para concretar unha
reorganización e mellora, coincidindo coa nova adxudicación. A nova concesión motivou
unha inspección das instalacións e permitiu pasar a aplicar os cambios derivados de nova
normativa vixente nesta materia.
No tocante aos cambios que se introduciron coa nova xestión, o depósito de residuos
tivo que adecuarse ao que a lei contempla para o funcionamento dos puntos limpos.
Neste senso, os usuarios que acudan ás instalacións teñen que ser identificados antes de
introducir o material que acheguen nos contedores correspondentes. A maiores, a
normativa regula un número máximo de quilos para o depósito.
Xunto coa redistribución realizada, instaláronse novas medidas de seguridade, con
cámaras e alarmas de presenza para evitar os roubos que se viñan sucedendo.
Ademais, incorporarase á instalación unha caseta para Residuos de Aparellos Eléctricos
e Electrónicos (RAEES), que requiren unha estancia pechada e illada. Este material ten
que ser, ademais, depositado con identificación da persoa que o achega, ten que pesarse
e etiquetarse axeitadamente.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.