A Xunta reforza o equipamento do GES da estrada cun vehículo autobomba rural pesada

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, asistiron na Estrada á presentación do vehículo autobomba pesada cedido este ano pola Xunta ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES). A dotación está valorada en 270.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.

O vehículo dispón de cisterna con capacidade para 3.500 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro con mangueira semirríxida e lanza de alta presión, entre outras prestacións. O equipamento, que permitirá mellorar a eficacia das intervencións do grupo nos concellos da Estrada, Forcarei, Teo e Vedra, súmase ao recibido nos últimos anos e que representa un investimento global superior aos 680.000 euros. Así, ademais da autobomba rural pesada, entregóuselles equipo de excarceración, un pick-up, desfibrilador e terminais TETRA con GPS, entre outras dotacións.

A iniciativa enmárcase no importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta. Neste marco de acción, o concello da Estrada recibiu tamén nos últimos anos preto de 30.000 euros en axudas ao funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil a través da liña de apoio específico, dotada este ano con 370.000 euros.

Máis de 28M€ investidos nos últimos anos

O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 28 millóns de euros nos últimos anos, dos que máis de 12 foron destinados directamente aos GES. Ademais, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. A maiores, lévanse investido outros 5 millóns na formación destes grupos e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.