O CONCELLO HABILITARÁ PRAZAS DE ESTACIONAMENTO PARAFACILITAR O ACCESO ÁS FARMACIAS DO CAPITAL ESTRADENSE

 Cada establecemento terá asociada unha praza de aparcamento
debidamente sinalizada, pensada para usuarios con problemas de
mobilidade, idade avanzada ou que acudan enfermos ao servizo de
urxencia.
 O estacionamento terá un tempo limitado a 10 minutos para favorecer a
rotación.
 Momentos como a pandemia puxeron de relevo a singularidade e o
interese xeral que ten o servizo de farmacia, evidenciado en que estes
establecementos permaneceron abertos ao público nos tempos de
confinamento.

 

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o
concelleiro Alberto Blanco e o xefe da Policía Local, Javier García, mantiveron este
mediodía unha reunión con responsables das oito farmacias existentes no casco urbano
para participarlles a decisión de habilitar prazas de estacionamento de uso específico
para este servizo, unha medida que non ten outra finalidade que a de facilitar o acceso a
persoas que precisan achegarse de xeito rápido a estes establecementos para recibir a
súa medicación.
Estas prazas, unha por establecemento farmacéutico, estarán o máis próximas posibles
e sinalizadas con pintura verde e unha cruz branca, unha imaxe popularmente
evocadora do servizo de farmacia. O aparcamento autorizado nestes espazos terá un
tempo limitado a 10 minutos e está pensado principalmente para seren empregado por
parte de persoas con mobilidade reducida, idade avanzada ou por aqueles usuarios que
acoden enfermos ao servizo de urxencia. A pretensión é que todos eles atopen a maior
comodidade posible no momento no que teñen que facer uso dun servizo que está
directa e intimamente vencellado á súa saúde.
Dende o goberno local recoñécese que a medida responde a unha antiga reclamación,
cursada de xeito maioritario por profesionais deste sector. Asúmese que as farmacias
son entidades privadas, se ben na reunión de hoxe se puxo o acento en que o servizo que

prestan ten un marcado carácter público e de primeira necesidade. De feito, momentos
tan significativos como a pandemia puxeron de relevo a singularidade e o interese xeral
que ten o servizo das farmacias. Para evidencialo só hai que lembrar que estes
establecementos permaneceron abertos ao público nos tempos de confinamento.
“Entendemos que é un colectivo prioritario polo servizo que se presta, ligado a unha
cuestión tan importante como é a saúde”, sinalou o alcalde. “Decidimos avaliar o espazo
público coa Policía Local e quixemos nesta reunión explicarlles aos responsables das oito
farmacias urbanas as razóns polas que marcaremos unhas prazas nas que se busca a
rotación dos vehículos estacionados. O obxectivo é que poida ser usada polos máximos
usuarios posibles”, engadiu Gonzalo Louzao. “Aquí o que priorizamos foi pensar no
usuario, non na comodidade das farmacias, senón en que o establecemento estea
próximo e servizal para os usuarios que máis o precisan”, remarcou.
Os dirixentes locais asumiron que os diferentes procesos de peonalización e
humanización que se estenden polas rúas da capital estradense limita máis as prazas
dispoñibles para o estacionamento ou ofrece como alternativa ás mesmas zonas
concentradas de aparcamento disuasorio. A marcaxe destas prazas para farmacia busca
favorecer que aqueles que precisan un acceso rápido e áxil aos establecementos teñan
maiores facilidades para recoller a medicación pautada polos profesionais da saúde.
O xefe da Policía Local foi explicando, farmacia por farmacia, a solución que se adoptará
para a reserva destas prazas. Sinalou que se pintarán tan pronto sexa posible, se ben
aclarou que é necesario contar con condicións meteorolóxicas favorables e o terreo
completamente seco. Avanzou Javier García que a sinalización vertical xa está encargada
e, aínda que asegurou que o uso destas prazas será vixiado polos axentes municipais,
convidou aos farmcéuticos a comunicar calquera irregularidade que observen.
No tocante ao tempo limitado de 10 minutos, considerouse que é prudencial para
realizar a compra dos medicamentos pautados, incidindo en que se persegue que o
maior número de persoas poida dispoñer desta facilidade de acceso.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.