Tampouco se poderá acceder a esta vía dende a Rúa 56.
Dende a Praza de Galicia os vehículos só poderán continuar a marcha
cara O Cruceiro ou encamiñarse á Avenida de América.
O estacionamento tamén estará prohibido e permitirase a entrada, por
dirección agora prohibida, a garaxes.
A xefatura da Policía Local da Estrada informou
hoxe de que, dende primeira hora desta tarde, a Rúa San Paio quedará cortada ao tráfico
dende a Praza de Galicia, a consecuencia das obras de remodelación e peonalización que
se están executando neste céntrico enclave da capital estradense.
Deste xeito, dende a Praza de Galicia (popularmente coñecida como A Farola) os
condutores non poderán circular cara a Rúa San Paio, nin tampouco se poderá baixar por
esta vía tras acceder ao centro pola Rúa 56. Así, chegados á citada praza, os vehículos
unicamente poderán continuar a marcha cara O Cruceiro ou desviarse en dirección á
Avenida de América.
A Policía Local instalará unha valla coa información deste peche circulatorio na
intersección entre a Rúa Pérez Viondi e a Avenida Benito Vigo, coa intención de que os
usuarios (especialmente os transportistas) tomen en consideración que non poderán
atravesar a Rúa San Paio.
A única excepción a este corte será que estará permitido o acceso aos garaxes existentes
na rúa, na que tampouco se poderá estacionar. Para entrar nos garaxes os residentes
terán habilitado un acceso alternativo dende a rúa Antón Losada Diéguez, o que suporá
que entren no vial empregando o sentido da marcha contrario ao actual (accederán de
xeito ascendente, dirección Praza de Galicia, cando a circulación habitual é descendente,
dirección Figueiroa).
As obras que están avanzando nesta parte da vila farán que tamén os contedores de lixo
existentes en San Paio sexan desprazados, achegándose provisionalmente á Praza de
Galicia.







































