A inscrición abrirase o luns, ata o vindeiro 12 de decembro.
Convócanse 50 prazas, 40 para as instalacións de SOEI e 10 para o
Espazo Concilia, no Novo Mercado.
Son 10 días de actividade, en horario de 08.30 a 14.30, cun prezo de 45
euros por participante e bonificacións para irmáns.
O departamento municipal de Servizos Sociais
informou hoxe da convocatoria dunha nova edición do Campamento de Nadal, unha
iniciativa pensada para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante as
vacacións escolares que coinciden con estas festas sinaladas. A responsable desta área,
Amalia Goldar, avanzou que a inscrición quedará aberta o vindeiro luns.
Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre
os 3 e os 12 anos, co requisito de que se atopen empadroados no Concello da Estrada.
Desenvolverase nas instalacións da firma SOEI, na Rúa Castelao, e no Espazo Concilia
(Novo Mercado), con 40 prazas nas primeiras e 10 máis no segundo.
En canto ás datas, haberá servizo os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, xunto
co 2,5 e 7 de xaneiro. O horario en cada unha destas xornadas será de 08.30 a 14.30
horas.
Tal e como indicou Goldar, o prazo para inscribirse no Campamento de Nadal arranca o
luns, 24 de novembro, e quedará pechado o 12 de decembro. As solicitudes deberán
presentarse no departamento de Servizo Sociais (en horario de 09.00 a 14.00) ou a
través da sede electrónica do Concello (https://aestrada.sedeelectronica.gal).
Xunto coa solicitude será necesario presentar unha fotocopia do xustificante de
ocupación laboral (dúas últimas nóminas, certificado de vida laboral ou último recibo de
cota de Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia), así
como o libro de familia (só se solicita bonificación por segundo ou terceiro irmán
participante).
No tocante ao prezo, a cota de inscrición será de 45 euros por participante polo
programa completo. O segundo membro da unidade familiar terá un desconto do 20%
(pagará 36 euros) e a partir do terceiro membro será gratuíto.
No caso de que o número de solicitudes presentadas en tempo e forma supere a
previsión de prazas, as inscricións serán atendidas en función da seguinte orde de
prioridades: familias atendidas que conten con ditame de bonificación por razóns de
risco; familias nas que os pais, titores ou gardadores acrediten atoparse traballando
durante o período de inscrición da actividade; familias numerosas ou monoparentais e
orde de entrada das solicitudes.







































