Estas accións incívicas teñen asociada unha multa de 90 euros no
regulamento municipal e poden chegar ata os 600 pola normativa
autonómica.
Son conflitivas en puntos como A Baiuca ou na entrada o aparcamento
público da Avenida de América e viñéronse detectando tras a
reorganización dos contedores no casco urbano.
O Concello reforzará as illas de Avenida de Santiago, Rúa Gradín e a
carón da Praza da Inmaculada.
A Policía Local da Estrada activará unha vixilancia
específica pare evitar que se depositen bolsas de lixo na rúa, unha actitude incívica que
nas últimas semanas se veu repetindo nalgúns puntos do casco urbano e que coincide no
tempo co cambio de localización de varias illas de contedores.
Dende a Xefatura da Policía Local lembrouse que depositar lixo fóra dos lugares
establecidos ao efecto constitúe unha infracción recollida no Regulamento de
Protección do Medio Ambiente, de Limpeza Pública e de Recollida de lixo no Concello da
Estrada, de xeito que, ante este tipo de incivismo, os axentes municipais poden actuar
realizando un apercibimento ou a través da imposición de sancións cifradas en 90 euros.
Engádese que perante estes depósitos tamén ten cabida a aplicación da normativa
autonómica, concretamente da Lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminados de Galicia,
texto no que se contemplan xa sancións que pode chegar aos 600 euros.
Nos últimos días xa houbo unha persoa que recibiu un apercibimento por depositar
bolsas de lixo na rúa, un comportamento que algúns cidadáns fixeron coincidir cos
lugares concretos onde antes estaban os contedores que foron trasladados.
Neste senso, sinálase que dous dos puntos máis conflitivos están sendo a zona de A
Baiuca ou no acceso ao estacionamento público da Avenida de América, tanto por
reincidencia como pola cantidade de bolsas de lixo acumuladas.
Dende a administración local apélase ao civismo cidadán para evitar este tipo de focos
insalubres, poñendo de manifesto que este tipo de accións unicamente serven para
empeorar as condicións da rúa, en prexuízo de toda a veciñanza.
Cómpre lembrar que, a través do seu departamento de Servizos Municipais, o Concello
da Estrada estivo traballando nestas últimas semanas na reorganización das illas de
contedores no casco urbano, unha cuestión ao servizo da realización dunha recollida
máis eficiente e que tamén obedece á eliminación de puntos de depósito que xeraban
problemas de seguridade e insalubridade. As illas de contedores tamén se organizan a
consecuencia da incorporación do novo modelo de colectores amarelos, con moita máis
capacidade e adaptados para a carga lateral. Contando con este incremento, o número
de puntos de depósito por rúa estivo sendo revisado e reorganizado, procurando unha
optimización do espazo e unha recollida máis eficiente. “Non cambiamos os contedores
por capricho nin para fastidiar á xente. Cambiámolos polo ben común”, sinalou, días
atrás, o concelleiro Óscar Durán.
O mesmo edil apuntou hoxe que, tal e como avanzara, estívose aplicando unha
supervisión desta nova distribución para atender necesidades que puideran xurdir.
Deste xeito, indicou que se reforzaron illas existentes na Avenida de Santiago, Rúa
Gradín e Praza da Inmaculada, no entorno da igrexa de San Paio.







































