Vehículos que estacionan pegados aos contedores imposibilitan a
mobilización destes puntos de depósito, como sucedeu estes días na
Avenida de Santiago.
O Concello valora configurar as illas de colectores para que nos
extremos queden os de cartón e vidro, que se baleiran con grúa.
Apoiándose en imaxes que falan por si soas, o
concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, solicitou hoxe a colaboración cidadá
para evitar situacións que imposibilitan e interrompen o servizo de recollida de lixo en
distintas rúas do casco urbano. Estas mesmas imaxes permitiron ao edil ofrecer unha
incontestable explicación á presenza de contedores que non puideron ser baleirados nos
últimos días en puntos como a Avenida de Santiago.
As imaxes poñen en evidencia unha situación que imposibilita ou engade riscos de danos
materiais á manexabilidade dos contedores de lixo: vehículos que estacionan moi
pegados os contedores, ás veces mesmo quedando en contacto directo con estes
equipos. Esta situación fai que a empresa encargada de efectuar a recollida non poida
mobilizar determinados colectores co brazo de carga ou remate -ao facelo para poder
prestar o servizo de recollida do lixo- por expoñerse a ocasionar danos nos vehículos que
estacionan sen deixar distancia de seguridade.
Óscar Durán informou hoxe de que, ante situación, o servizo está valorando a
posibilidade de cambiar o deseño das illas de contedores, de maneira que nos seus
extremos queden colocados colectores para a recollida de cartón ou de vidro, xa que
nestes dous casos son unidades que se mobilizan facendo uso de grúa.
En todo caso, en consideración con que esta disposición non sempre é factible, o
responsable de Servizos Municipais fixo un chamamento aos veciños para que non
estacionen os seus vehículos de xeito que entorpezan o manexo dos contedores.
Lembrou Óscar Durán que os equipos verdes se recollen todos os días, baleirándose os
de plástico tres veces á semana. Sinalou que, no caso de que se impida esta recollida e
coincida a continuación un dos días sen servizo, o tempo de permanencia do lixo no
contedor se incrementa, reducíndose a súa capacidade para acoller novos depósitos.







































