O alcalde acode en Toedo a unha reunión de coordinación con estes
servizos, aos que se suman as brigadas de Obras, que están preparadas
con maquinaria pesada e bombeos para actuar ante posibles incidencias.
“Temos máis medios pero pedimos tamén máis colaboración cidadá para
evitar riscos”, sinala Gonzalo Louzao.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse a
primeira hora desta mañá ata a sede do servizo Emerxencias A Estrada, emprazada en
Toedo, para asistir a unha reunión de coordinación entre esta unidade, os traballadores
de Obras a os axentes da Policía Local, con motivo da alerta meteorolóxica vermella por
fortes choivas no interior da provincia de Pontevedra que comprende o termo municipal
estradense.
A reunión serviu para avaliar a situación, comezando por recoñecer o carácter
extraordinario da mesma. “Actívase esta situación por primeira vez en máis de 20 anos”,
incidiu o alcalde. Foi o propio Gonzalo Louzao o encargado de sinalar que este nivel de
alerta meteorolóxica aconsellou ao Concello afrontala duplicando o servizo de
Emerxencias A Estrada e reforzando tamén o da Policía Local, facendo que o persoal das
brigadas de Obras estean dende primeira hora desta mañá tamén en alerta con
maquinaria pesada e servizos de bombeo para intervir ante as posibles incidencias que
poidan derivarse deste episodio de chuvias tan intensas.
O alcalde confirmou que en Emerxencias se duplicou o número de traballadores por
quenda, en principio, ata a medianoite de hoxe, de xeito que coincidirían seis na base. A
maiores, a Policía Local saíu esta mañá con sete efectivos á rúa. “Teño que agradecer que
houbo persoal que se ofreceu ao incorporarse de xeito inmediato ao servizo cando se
activou a alerta para hoxe”, apuntou o rexedor.
Gonzalo Louzao puxo o acento en que, aínda que ata este mediodía non se produciran
situacións graves a consecuencia da excepcional situación meteorolóxica, o escenario
podería verse complicado conforme avance a xornada, tendo en conta que as previsións
apuntan acumulacións que poderían superar os 140 litros por metro cadrado nas
próximas horas. “E chove sobre mollado”, incidiu o mandatario. Sinalou tamén que se
agarda que a forza do vento se incremente durante a tarde.
“Temos máis medios pero pedimos tamén máis colaboración cidadá para evitar riscos”,
apuntou o mandatario estradense, que percibiu que os avisos lanzados a última tarde do
domingo tiveron efecto nunha redución circulatoria.
Despois de lembrar que a instalacións deportivas municipais permanecerán pechadas
hoxe, ao igual que servizos como a Escola Infantil Municipal ou o Espazo Concilia, Louzao
Dono quixo aproveitar para lembrar aos estradenses a importancia de que eviten
desprazamentos innecesarios ou de que non se acheguen aos leitos fluviais nin zonas
inundables.







































