A BIBLIOTECA DA ESTRADA MEDRA POR QUINTO ANO CONSECUTIVOE VOLVE SUPERAR O SEU RÉCORD DE PRÉSTAMOS, CON 8.000 ANUAIS

 O servizo pechou 2025 con 2.076 usuarios, o que supón 289 carnés máis
que o ano anterior.
 Destes novos integrantes, 174 son adultos e 115 correspóndense con
altas de lectores infantís.
 O Concello vén facendo una aposta sostida por incrementar volumes,
para que o fondo bibliográfico municpal medre e se renove. Actualmente
conta con 21.215 exemplares

A biblioteca municipal da Estrada, localizada na Casa
das Letras, vive un momento doce. Tanto é así que as estatísticas coas que este servizo
pechou o exercicio 2025 poñen de manifesto que medra por quinto ano consecutivo, co
pulo dos novos usuarios o incremento no volume de préstamos bibliográficos. Segundo
os datos facilitados polo bibliotecario estradense, Aarón Cabado, estes últimos
quedaron a só un exemplar de totalizar os 8.000 anuais.
A biblioteca pechou o último ano de referencia con 2.076 usuarios, o que supón 289
carnés máis que en 2024. Destes novos integrantes, 174 son adultos e 115
correspóndense con altas de lectores infantís. De todos estes socios, 810 empregaron o
servizo de préstamo domiciliario dos volumes aloxados na Casa das Letras, 90 máis que o
ano anterior. Todos estes datos dan conta da boa saúde dun servizo que ofrece,
ademais, espazo para o estudo, actividades de animación á lectura, presentacións de
libros ou un Club de Lectura, entre outras propostas de índole cultural.
Nas estatísticas que confecciona a biblioteca pódese observar un inicio do ano bastante
estable no tocante aos préstamos mensuais. Despois do baixón que sempre acompaña á
tempada estival, os últimos catro meses do ano rexistraron un importante movemento,
con picos como o correspondente a outubro, con 974 préstamos.
Cada ano máis
A evolución dos préstamos bibliográficos na Casa das Letras amosa unha liña
marcadamente ascendente. Se se atende ao último lustro, os 928 préstamos de 2020
medraron en 2021 ata os 1.505. Ao ano seguinte, en 2022, foron xa 3.513, que subirían

ata os 6.150 no ano 2023. En 2024 foron xa un total de 7.113, que subiron a 7.999 en
2025.
A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, recoñeceu hoxe a aposta que se vén
facendo por incrementar e actualizar os fondos da biblioteca municipal da Estrada,
cunha adquisición mantida de exemplares para que os usuarios poidan atopar no servizo
novidades bibliográficas, tanto para o público adulto como para aqueles que se adentran
ou profundan no mundo da lectura. “Con moita frecuencia imos sumando volumes,
tentando que o fondo sexa o máis variado e actualizado posible e pretendendo que
todos os lectores poidan atopar eses títulos que desexan ler ou consultar”, sinalou
Seoane.
Aínda que non se pode precisar o número de incorporacións exactas de 2025 aos fondos
bibliográficos da Casa das Letras, xa que na cifra do ano computan volumes que xa
pertencían á biblioteca pero que se incorporaron no último exercicio á base de datos, si
se pode coñecer a cifra global: 21.215 exemplares.
As redes sociais está sendo un aliado interesante para a biblioteca da Estrada. Cun perfil
do servizo bastante activo, os usuarios poden coñecer as novidades que se van
incorporando ao catálogo, as recomendacións estacionais ou as actividades propostas.
Aínda que os pedidos -para os que se conta, na medida do posible, coas librarías da
Estrada- son meirandes, o servizo tenta sacar cada semana lotes de entre oito ou dez
libros para que os usuarios vaian coñecendo as novidades.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.