BLANCO: “NIN OS CONCELLEIROS NIN OS GRUPOS MUNICIPAIS ESTÁNLEXITIMADOS PARA PRESENTAR ALEGACIÓNS AOS ORZAMENTOS”

O titular estradense de Facenda lembra esta resolución de 2024 ao
respecto do intento do BNG de alegar ás contas municipais. Faino logo
de que esta formación publicase hoxe en redes sociais unha suposta
“impugnación” do orzamento 2026.

“Ao parecer, o BNG presentou unha alegación ao
orzamento que se aprobou inicialmente para o exercicio 2026, pero cónstanos
unicamente nas redes sociais porque no Rexistro de entrada parece que aínda non o
fixo”. Así comenzou o concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco Carracedo, a
súa valoración ao anuncio de “impugnación” que a formación nacionalista fixo esta
mañá nos seus perfís sociais. O edil lembrou que xa en 2024 o Bloque presentou unha
alegación ás contas municipais “e o informe de Intervención dicía que nin os concelleiros
nin os grupos municipais están lexitimados para poder presentar alegacións aos
orzamentos, co cal incorrería o BNG nunha falta de coñecemento”.
“En canto ao fondo, polos contidos publicados nas redes sociais, parece que a súa
motivación non está incluída nos tres supostos para poder alegar a un orzamento”,
continuou o concelleiro. Lembrou de seguido que os concelleiros nacionalistas “xa
tiveron oportunidade, como grupo municipal, de participar, tanto na comisión de
Facenda como no propio pleno de aprobación inicial e non fixeron referencia algunha ao
que agora alegan”, engadiu Blanco Carracedo.
Sen querer entrar máis na análise da cuestión, o edil optou pola “prudencia” e preferiu
“agardar a esta alegación, se finalmente as presenta”. Sinalou que, en todo caso, será
finalmente o departamento de Intervención o que emita o seu informe sobre este
suposto recurso, que tería que ser levado a una comisión informativa de Facenda e,
finalmente, a pleno, ben para a súa estimación ou para a súa desestimación e
aprobación definitiva do orzamento 2026.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.