Será o luns, 23 de febreiro, nun acto aberto no Teatro Principal, ás 20.00
horas.
Antes da proxección, están convidados os 10 centros estradenses de
Primaria e Secundaria para o recitado de poemas deste referente
universal da cultura galega.
O noveno vídeo na honra de Rosalía de Castro que promove o Concello
da Estrada estrearase para celebrar o aniversario do seu nacemento e
quedará aloxado na canle de YouTube, redes sociais e páxina web
municipais.
Dende hai 9 anos o Concello da Estrada conmemora
o 23 de febreiro como Día de Rosalía cun acto público para celebrar o aniversario do
nacemento desta escritora, referente universal da cultura galega. Neste 2026 serán os
alumnos de catro escolas infantís estradenses os que protagonicen este vídeo,
apostando por incorporar a este segmento poboacional tan novo no legado e tributo
que se lle rende á autora de Cantares Gallegos.
Os actos do Día de Rosalía na Estrada desenvolveranse este ano o propio 23 de febreiro.
Deste xeito, o Teatro Principal acollerá o vindeiro luns, ás 20.00 horas, un evento aberto
ao que están convidados os 10 centros educativos de Primaria e Secundaria existentes
no municipio estradense e as catro escolas infantís, protagonistas este ano do traballo
audiovisual que conmemorará esta data: a Escola Infantil Municipal, o centro da rede A
Galiña Azul, Elfos e a escola Undoustres.
A actividade consistirá no recitado de dous poemas de Rosalía por cada colexio e
instituto, pasando logo á proxección do vídeo elaborado por Tres Insuas. Despois desta
estrea, como é costume, o traballo estará subido á canle de YouTube e ás redes sociais
do Concello da Estrada, ademais de seren aloxado na páxina web municipal.
Lucas Terceiro, da produtora Tres Insuas, leva xa case unha década asinando o vídeo co
que A Estrada conmemora o Día de Rosalía. Recoñeceu que este ano as escolas infantís
realizaron un grande traballo para tentar que os seus pequenos alumnos e alumnas
repitan versos de Rosalía para a peza deste 2026. Grazas a este esforzo e colaboración,
os máis pequenos da Estrada incorporaranse á homenaxe anual a esta escritora, despois
de que traballos previos implicasen a alumnos de Educación Primaria e Secundaria,
deportistas locais, formacións musicais, agrupacións culturais ou ata ao sector sanitario
local nos tempos da pandemia.
Non querendo desvelar moitos detalles do audiovisual para que sexa unha sorpresa para
a veciñanza, a peza deste 2026 implicou a medio cento de pequenos de dous e tres anos,
que se adentran cun verso no mundo de Rosalía de Castro. A emotividade e beleza do
resultado están aseguradas.







































