ARRANCA A MONTAXE DA CARPA CHAMADA A CONVERTERSE ENESPAZO SOCIOCULTURAL A PÉ DE RÚA DURANTE UN MES

 Serán 800 metros cadrados de recito para acoller toda a programación
prevista entre a Festa do Salmón e a Feira da Sidra.
 O Concello canaliza cara a hostalería o primeiro patrocino privado
ofrecido para a Festa do Salmón, por parte da firma Vegalsa-Eroski.

A Praza da Constitución é xa dende esta mañá o
escenario para a montaxe da carpa de gran formato que ao longo das vindeiras semanas
se converterá nun espazo de dinamización sociocultural a pé de rúa, cunha
programación que comezará a debullarse este venres e que terá como eixos principais
a Festa do Salmón e a Feira da Sidra. Será unha carpa que medra con respecto á do
pasado ano e que volve a apostar por programar estas citas tan destacadas do
calendario estradense aos pés da casa consistorial.
A carpa terá unhas dimensións de gran envergadura. Serán 800 metros cadrados (40×20)
destinados a acoller toda a programación prevista, preservando o seu desenvolvemento
das posibles condicións meteorolóxicas adversas. Serán propostas para todos os gustos
e idades por espazo dun mes, que arrancan este venres con Latexo Fest e chegarán ao
13 de xuño.
Por outra banda, o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, explicou hoxe
que o empuxe que se lle está dando á Festa do Salmón está calando tamén no sector
privado. Indicou que a firma Vegalsa-Eroski solicitou este ano colaborar, pola vía do
patrocinio, coa principal celebración gastronómica do Concello da Estrada.
Segundo precisou o edil, o Concello quixo que este apoio económico chegue
directamente aos hostaleiros que participarán na degustación popular do domingo.
Cada un deles percibirá un vale de 60 euros para consumir nos establecementos da
citada firma de supermercados.
Durán quixo agradecer o interese amosado por Vegalsa-Eroski e recoñeceu que a
atracción que están esperando algunhas das citas do calendario estradense están tamén
suscitando expectación noutras firmas, con propostas que están agora mesmo en fase
de estudo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.