DURÁN DETECTA “BOA DISPOSICIÓN” PARA CHEGAR A UN ACORDOENTRE EMPRESA E TRABALLADORES DA RECOLLIDA DE RESIDUOS

 As dúas partes deste conflito laboral están emprazadas a sentarse a
vindeira semana no AGA.
 O concelleiro de Servizos Municipais reuniuse hoxe con representantes
de Geseco para coñecer a súa postura.
 Aproveitou o encontro para sinalar a excepcionalidade das festas
patronais na prestación da recollida e limpeza de rúas, no caso de que
fose preciso fixar servizos mínimos.

Despois de reunirse cos traballadores e representantes
sindicais, o concelleiro estradense de Servizos Municipais, Óscar Durán, mantivo hoxe
unha reunión coa empresa que presta para o Concello da Estrada o servizo de recollida
de residuos, a firma Geseco. Ao remate do encontro, o edil observou “boa disposición”
para que se poida chegar a un acordo a vindeira semana, na que empresa e traballadores
están emprazados para unha reunión no AGA, o servizo de solución de conflitos de
traballo.
Durán puxo o acento en que os representantes municipais non tiveron, en sendas
reunións, máis pretensións que as de tender pontes para o entendemento e escoitar as
posturas de cada unha das partes implicadas neste conflito. Incidiu en que a importancia
do servizo público que presta a empresa moveu ao Concello a favorecer este clima de
diálogo, sendo conscientes de que se trata dunha negociación laboral entre unha
empresa e os seus traballadores na que o Concello nin é parte nin ten capacidade de
intervención.
O concelleiro aproveitou este encontro coa empresa para poñer sobre a mesa a
posibilidade de que haxa que establecer servizos mínimos, no caso de que finalmente
non se chegue a un acordo e se manteña a convocatoria de folga entre o 25 e 28 de
xuño, en plenas festas patronais de San Paio na Estrada.
Neste sentido, Óscar Durán puntualizou que nesas datas o servizo non se desenvolve de
xeito habitual, senón que ten un carácter inusual derivado das propias celebracións.
Concretamente, dende o Concello pediuse a Geseco un informe do persoal que traballa
habitualmente nestas datas para contemplar a excepcionalidade do momento á hora de
marcar eses servizos mínimos.

“Parécenos que a predispoisición das dúas partes é boa e, por tanto, sorprenderíanos
que non se chegue a un acordo a semana que vén, na que están emprazados no AGA”,
apuntou o responsable de Servizos Municipais.
O concelleiro sinalou tamén que, cos pregos xa rematados e en pleno proceso de
confección da nova ordenanza reguladora, este conflito laboral tería un horizonte
temporal curto, na medida en que a próxima licitación faría preciso o establecemento
dunha nova negociación.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.