XORNADA DE CONVIVENCIA DOS CENTROS DE AGADEA NA PRAÍÑA

 A concelleira e alcaldesa accidental, Amalia Goldar, asiste á
convocatoria, na que participan 90 usuarios de centros como o da
Estrada.

A alcaldesa accidental da Estrada, Amalia Goldar Cora,
participou este mediodía na xornada de convivencia que celebrou Agadea Alzhéimer na
contorna da ponte medieval de Pontevea, un evento no que participaron arredor de 90
persoas usuarias procedentes dos centros da entidade nas provincias da Coruña e
Pontevedra, entre eles o da Estrada.
Aproveitando o fermoso marco natural da Praíña, na parroquia estradense de Couso, a
actividade tivo como obxectivo crear un espazo de encontro, lecer e participación ao
aire libre, favorecendo a convivencia entre persoas usuarias, profesionais e familias, así
como o contacto coa natureza.
Durante a xornada desenvolvéronse diferentes actividades lúdicas e participativas,
entre elas unha ruta pola contorna do Xirimbao, xogos como o bingo, actuacións
musicais e momentos de descanso e convivencia. A programación incluíu tamén un
xantar e diferentes espazos para compartir experiencias entre os centros.
Desde AGADEA destacouse a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten
reforzar os vínculos entre as persoas usuarias, promover o envellecemento activo e
xerar espazos de benestar, socialización e desfrute compartido fóra da rutina diaria dos
centros.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.