O Concello da Estrada mantén contacto directo e continuo con UFD, a distribuidora de electricidad de Naturgy, para coñecer de primeira man a evolución dos traballos destinados a localizar e solucionar a orixe dos microcortes que están afectando a diferentes zonas do municipio. O edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, vén realizando este seguimento cos responsables da compañía xa dende mediados de xullo, momento no que o Concello comezou a ter constancia da situación a través dos avisos veciñais. Segundo a información facilitada por UFD, as incidencias están localizadas na liña aérea de media tensión PAI 806, que conecta a subestación de Paizás con Rubín, cunha liña principal de aproximadamente 12 quilómetros, ademais das súas correspondentes derivacións. A distribuidora explica que os microcortes, que afectan ás zonas de Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde e Arnois, prodúcense de maneira puntual e sinala que os sistemas automáticos de protección da rede están permitindo restablecer o subministro de forma rápida. Ademais, fontes da compañía explican que este tipo de incidencias poden vir provocadas por “distintos axentes externos”, como restos ou cascas de eucalipto desprazados polo vento, aves ou outros elementos que poden entrar en contacto directo coa liña. Delimitada xa a unha fase Segundo subliñan, UFD xa realizou con anterioridade unha inspección da liña para tentar determinar a orixe destes microcortes e, ante a persistencia das incidencias, volveu percorrer a instalación a pasada fin de semana sen detectar ningunha anomalía visible. En todo caso, os traballos de diagnóstico continúan. Dende a compañía sinalan que, para facilitar a localización da incidencia, UFD mantén aberta a liña principal e realiza manobras que permiten ir acoutando progresivamente a zona na que se produce o problema. Neste momento, a distribuidora xa conseguiu delimitar a incidencia a unha única fase: entre o cruce coa vía do tren e Oca, aínda que polo momento non se puido identificar o elemento que a provoca. “Somos conscientes da preocupación dos veciños e entendemos perfectamente o seu malestar, especialmente tendo en conta o número de incidencias que se están producindo nalgunhas zonas”, sinalou Manuel Magariños. O concelleiro explicou que “desde o primeiro momento estamos en contacto con UFD para coñecer de primeira man os traballos que se están realizando e para tentar trasladar aos veciños a información dispoñible”. Magariños incidiu en que, aínda que boa parte das incidencias corresponden a microcortes de curta duración, tamén asumiu que se teñen producido interrupcións máis longas, caso da rexistrada o pasado sábado nalgunhas zonas e cunha duración de varias horas. “Sabemos que localizar unha incidencia destas características pode resultar complexo, pero o importante agora é localizar a causa e adoptar o máis axiña posible as medidas necesarias para que non volva producirse”, apuntou o edil. Centro de saúde de Oca Por outra banda, o Concello da Estrada abriu unha segunda vía de traballo co Servizo Galego de Saúde (Sergas) para tratar de minimizar as consecuencias que os microcortes están provocando no centro de saúde de Oca, onde as interrupcións no subministro poden provocar o reinicio dos equipos informáticos e retardar a atención aos usuarios. Neste sentido, Manuel Magariños trasladou hoxe esta situación ao Sergas e consultou a posibilidade de dotar o centro de saúde de algún sistema que permita garantir a continuidade da alimentación eléctrica dos equipos durante estas interrupcións, como Sistemas de Alimentación Ininterrompida (SAI) ou valorar a instalación dun xerador. Desde o Sergas informaron ao Concello de que estudarán esta posibilidade e comprobarán se o centro de saúde de Oca está incluído entre os equipamentos que serán dotados con xeradores, antes de determinar as medidas que se poidan adoptar. “Ademais de traballar para que a incidencia na rede quede solucionada definitivamente, estamos buscando medidas que permitan reducir as molestias que estes cortes están provocando mentres non se atopa a causa”, explicou Magariños. “No caso do centro de saúde de Oca, consideramos especialmente importante evitar que os equipos teñan que reiniciarse continuamente e que isto poida afectar á atención dos veciños”, engadiu. Desde o Concello da Estrada manterase o contacto tanto con UFD como co Sergas para coñecer a evolución dos traballos e das xestións realizadas e trasladaranse á veciñanza as novidades que se vaian producindo.
O CONCELLO, EN CONTACTO PERMANENTE COA DISTRIBUIDORA ELÉCTRICA, PARA LOCALIZAR A ORIXE DOS MICROCORTES NO RURAL
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.



































