O certame que leva o nome da Cantora da Ulla chega á súa trixésima
edición.
Cunha dotación económica de 2.000 euros e a publicación do poemario
en Edicións Fervenza, o premio entregarase o vindeiro 26 de novembro
no marco da Festa da Poesía.
O xurado encargado de fallar o Premio de Poesía
Avelina Valladares escolleu hoxe a obra presentada por María Montserrat Varela
Vázquez como gañadora da trixésima edición dun certame que leva o nome de Cantora
da Ulla. O poemario, elixido entre as 25 obras que competiron polo premio, presentouse
baixo o lema “Fendas na brétema”. Aberta a plica, o título da peza gañadora resultou
ser “Consciencia da impermanencia”.
O xurado citouse na Sala de Xuntas do consistorio estradense ás 10.00 horas. Estivo
integrado por Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto
Brea, Esteban Folgar Brea e Dolores Araújo Arias, esta última exercendo como
secretaria.
Destacou da obra a estruturación do poemario así como “a harmonía do día dende o
amencer ao solpor pasando polo atardecer e transitando por paisaxes claras nas que o
saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que,
deste xeito, transcenderá”.
M.ª Montserrat é natural de Santiago de Compostela pero está domiciliada en Arzúa.
Exerce coma traballadora social e xa ten acadado o Premio Vicente Risco de Ciencias
Sociais no ano 2025 por un ensaio presentado baixo o lema “Trazos da escolma da
cultura”.
Aberta a plica, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, comunicou o fallo do xurado á
autora, que recibiu a boa nova durante o proceso de documentación para unha nova
obra e que se declarou moi emocionada por seren este o primeiro poemario que
publicará.
O Premio Avelina Valladares será entregado o vindeiro 26 de novembro, coma sempre
no marco dunha nova edición da Festa da Poesía. Será nun acto aberto no Teatro
Principal.
Este premio literario impulsado polo Concello da Estrada na honra e lembraza de Avelina
Valladares ten unha dotación económica de 2.000 euros, xunto coa publicación do
poemario en Edicións Fervenza.





































