A administración municipal contrata á empresa especializada Tysgal
para que elabore un informe sobre a afección do proxecto e curse as
alegacións pertinentes.
Fará extensiva, de xeito gratuíto, esta orientación aos veciños e
asociacións que desexen participar nun proceso que rematará o 10 de
outubro

Aberto o prazo de consulta do estudo de impacto
ambiental e a petición de autorización administrativa para a Liña de Alta Tensión (LAT)
promovida por Unión Fenosa Distribución entre A Estrada e Paizás (no veciño municipio
de Silleda), o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, confirmou que o Concello ten
contratado xa unha empresa especializada que oriente á administración local nas
alegacións que ten previsto presentar e que tamén poida servir de axuda aos veciños
interesados para a canalización dos seus recursos.
Entendendo que as infraestruturas eléctricas son necesarias para garantir unha correcta
subministración, o rexedor defendeu que o Concello da Estrada busca neste trámite
velar para que “que se fagan as cousas da mellor maneira posible e cumprindo coas
garantías no que ten que ver co impacto ambiental e o respecto á propiedade e á vida
dos veciños”.
Adiantando xa que o Concello participará nesta fase de alegacións, o rexedor detallou
que a administración estradense contactou coa empresa Tysgal, firma coa que o
Concello ten xa unha importante experiencia derivada dos procesos de alegación a
proxectos de instalación de parques eólicos no municipio.
Louzao lembrou que o prazo para alegar remata o 10 de outubro, de xeito que hai aínda
marxe para que esta empresa especializada lle faga chegar ao Concello o informe
solicitado sobre as afeccións a o territorio estradense desta liña e sobre as posibles vías
de alegación. O alcalde sinalou tamén que a empresa proporcionará orientación e
modelos de alegación ás asociacións e veciños que queiran alegar, de xeito gratuíto.
O mandatario apuntou que, una vez que estean elaboradas as alegacións, o Concello
convocará reunións nas parroquias afectadas, ás que asistirán tamén os técnicos de
Tysgal. Nestes encontros, que previsiblemente serán na vindeira semana ou na seguinte,
ofrecerase á cidadanía toda a información dispoñible e a posibilidade de realizar
alegacións.
O proxecto non é novo, senón que vén de retomarse. Na documentación publicada ata
o de agora recóllese que a empresa busca mellorar a calidade de servizo na comarca e
garantir a calidade da subministración ante eventualidades, estimando a necesidade de
executar unha liña eléctrica de conexión entre a subestación da Estrada e a de Paizás.
O trazado tería tramos subterráneos e aéreos. A liña transcorrería por 14 parroquias,
das cales 12 pertencen ao municipio estradense e 2 ao de Silleda




































