O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou o espazo de FP na XXXVIII Feira do Moble de Galicia, un punto de encontro entre o ámbito educativo e o tecido empresarial que permitu achegar á mocidade a realidade do sector da madeira, as súas necesidades profesionais e as oportunidades de emprego vinculadas a el.
O titular de Educación destacou que a Formación Profesional “está estreitamente conectada coa realidade laboral e coas necesidades do sistema produtivo”, unha relación que permite ofrecer unha formación máis axustada ás demandas das empresas e facilitar a incorporación do alumnado ao mercado de traballo. Neste sentido, sinalou que iniciativas como a presenza da FP na Feira do Moble contribúen a que os estudantes coñezan de primeira man o funcionamento dun sector no que poderán desenvolver o seu futuro profesional.
O representante do Goberno galego animou así á mocidade a achegarse á oferta dos ciclos das familias profesionais de Madeira, Moble e Cortiza para coñecer “as numerosas posibilidades formativas e as saídas profesionais” que ofrecen, nun ámbito no que Galicia conta cunha importante tradición e especialización e que demanda profesionais cualificados.
Formación conectada co sector
A participación da FP na feira completouse con dúas xornadas técnicas celebradas o xoves e o venres, orientadas a mostrar o potencial da Formación Profesional e as innovacións tecnolóxicas aplicadas ao sector da madeira. Nestas sesións participaron arredor de 125 estudantes do Instituto Manuel García Barros e do Instituto Antón Losada Diéguez, ambos da Estrada.
As actividades permitiron ao alumnado coñecer de preto as transformacións que está a experimentar o sector, as novas ferramentas e tecnoloxías e os perfís profesionais que están a adquirir maior relevancia. Deste xeito, a Feira do Moble converteuse nun espazo para achegar a formación á empresa e mostrar ao alumnado as oportunidades laborais reais que existen na súa contorna.
Oferta de Formación Profesional na comarca do Deza
A oferta de Formación Profesional para este curso alcanzou as 50.244 prazas en Galicia, 1.080 máis que o curso anterior. No ámbito do Deza-Tabeirós-Terra de Montes ofertáronse un total de 801 prazas, ao tempo que A Estrada incorporou a nova oferta de FP Dual Xeral co ciclo de grao superior de Deseño e Amoblamento no Instituto Plurilingüe Antón Losada Diéguez.
Román Rodríguez tamén recordou que o proceso de matrícula continúa aberto mediante o sistema de adxudicación continuada ata o 25 de setembro ás 13.00 horas, sempre que existan prazas dispoñibles e listaxe de espera, polo que as persoas interesadas aínda poden acceder á oferta de Formación Profesional para este curso.






































