Máis de 400 persoas secundaron as convocatorias coa empresa Tysgal
en Cereixo e Loimil.
No municipio estradense figuran máis de 800 bens e dereitos afectados
polo trazado proposto neste proxecto promovido por Unión Fenosa
Distribución.
Veciños de Guimarei piden unha nova convocatoria, que se marca para
o vindeiro martes, 29 de setembro, ás 20.00 horas.
Máis de 400 persoas asistiron este luns ás reunións
convocadas, en Cereixo e Loimil, con veciños e veciñas das parroquias estradenses
afectadas polo proxecto da Liña de Alta Tensión (LAT) que Unión Fenosa Distribución
promove entre a subestación da Estrada e a de Paizás (Silleda). Nos encontros
promovidos dende a administración municipal, e nos que participaron técnicos da
empresa especializada Tysgal, distribuíronse arredor de 500 modelos de alegación. Esta
documentación foi facilitada pola firma que o Concello contratou para informar e
orientar aos veciños no proceso que rematará o vindeiro 20 de outubro. Este modelo
estará tamén a disposición dos interesados a través da páxina web municipal
(www.aestrada.gal).
En Cereixo foron arredor de 300 os cidadáns que secundaron a reunión informativa. A
reposta foi tan elevada que fixo preciso convocar unha segunda quenda, xa que o espazo
previsto, aínda que amplo, non chegou para acoller a todas as persoas interesadas en
resolver as súas dúbidas.
Nesta mesma sesión propietarios de Guimarei solicitaron que se convocase unha
reunión nesta parroquia, demanda que foi atendida no momento. En coordinación cos
solicitantes, fixouse o encontro para o vindeiro martes, 29 de setembro, ás 20.00 horas.
As reunións serviron tamén para que Tysgal achegase e afondase na información
dispoñible. Neste senso, ofreceuse, xa con maior detalle, a relación de bens e dereitos
afectados por esta LAT, con preto de 800 afeccións no caso do termo municipal da
Estrada.
O alcalde, Gonzalo Louzao, recoñeceu a “preocupación” pola proximidade do tendido
aéreo ás vivendas e pola afectación os núcleos, bens e animais.
Neste senso incide tamén o modelo de alegación aportado por Tysgal. “A LAT proxéctase
moi próxima a núcleos de poboación e vivendas illadas do municipio da Estrada.
Incúmprense as distancias de protección recomendadas polo Ministerio para la
Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITERD), co fin de previr afeccións,
molestias e riscos ás persoas, que sinalan 200 metros para núcleos e 100 metros para
vivendas illadas.
A menos de 200 e a menos de 100
Neste contexto, indícase que o trazado da LAT sitúase a menos de 200 metros de
delimitacións de solo de núcleo rural (segundo o PXOM da Estrada) das parroquias de
Ouzande (Alemparte – O Formigueiro, Penarada), de Guimarei (A Portela, O Cogoludo –
A Portela, A Cruz), do Cereixo (O Mollarrabo), de Rubín (Berbigueira-Pazos, O Barro, O
Bede), de Curantes (Cortes), de Agar (O Outeiro, Valiñas) e de Loimil (Loimil de Carballo);
e das propias delimitacións de solo urbano e urbanizable da localidade estradense
próximas á subestación eléctrica.
Ademais, existirían 18 vivendas illadas en total localizadas a menos de 100 metros
(aprox.) e situadas nas parroquias de A Estrada, Ouzande, A Somoza, Guimarei, Cereixo,
Rubín, Loimil e Orazo. Poboacións onde residen en total case medio millar de habitantes
segundo o último censo do IGE por entidade de poboación.
As alegacións propostas tamén inciden en que a promotora non presenta un estudo de
afección sobre a poboación relativa á exposición aos campos electromagnéticos
producidos pola LAT obxecto. “A promotora valora o impacto como compatible sen
argumentar dita avaliación con datos”, recóllese.
Tamén se alega que a LAT repercute negativamente sobre os usos actuais do terreo e
provoca limitacións no seu aproveitamento; afección a captacións de auga; afección
sobre recursos naturais, elementos patrimoniais e recursos turísticos; impacto visual na
Vía da Prata e Camiño da Geira e dos Arrieiros, entre outros.






































