O Concello decide estrear esta dotación levando o servizo polos colexios
para afondar na concienciación medioambiental.
O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, e o concelleiro de
Servizos Municipais, Óscar Durán, asistiron este mediodía á recepción do novo punto
limpo móbil co que contará o Concello da Estrada. Esta adquisición foi posible grazas a
unha liña de axudas concedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia,
no marco da pretensión local de introducir melloras en materia de recollida selectiva de
residuos.
O punto limpo móbil ten como cometido estender o servizo da rede de puntos limpos
de Galicia, incrementando a captación e rastrexabilidade dos residuos municipais
especiais. A proximidade e a accesibilidade son dúas das grandes vantaxes que chegan
da man do carácter móbil deste servizo, de xeito que podería achegarse puntualmente
a algunha parroquia do amplo ámbito rural e tamén aos centros educativos do
municipio, onde o goberno programa empregar este recurso con marcado carácter
didáctico.
Esta dotación consta dun remolque cunha caixa metálica de tres metros de longo e un
ancho de dous metros. Ten nove bocas para a recollida selectiva de aerosois, cápsulas
de café, tóner de impresoras e cartuchos de tinta, envases de pintura e disolventes,
cd/dvd, pequena chatarra e aparellos eléctricos e electrónicos.
En base ás explicacións ofrecidas no momento da recepción, á que tamén se sumaron
os concelleiros Manuel Magariños e Mari Carmen Durán, o novo punto limpo conta cun
desaugadoiro interior que permite realizar limpezas por baldeo, ademais dun sistema
interior que activaría automaticamente un extintor no caso de que a temperatura sexa
excesiva.
Aproveitando a proximidade que lle é propia, o Concello ten previsto que o primeiro
destino deste novo punto limpo móbil sexan os centros educativos. O servizo quedaría
instalado no interior do recinto por espazo de varios días, permitindo afondar na
educación medioambiental entre os sectores máis novos da sociedade estradense e, en
paralelo, achegando a reciclaxe aos fogares.
O punto limpo móbil é un das súas accións de concienciación que a administración
municipal busca incorporar para fomentar a separación de residuos. O Concello tamén
ten idea de promover a difusión, sensibilización e aproveitamento de residuos de
carácter téxtil entre os máis pequenos, principalmente con obradoiros de traballos
manuais para promover un aproveitamento da roupa que se tira.




































