A ESTRADA AFONDA NA FIGURA DE VIRXINIA PEREIRA CUNHAXORNADA DEDICADA Á SÚA VIDA E AO SEU LEGADO

O Concello da Estrada continúa coa programación do
Ano Cultural Virxinia Pereira 2026 cunha xornada dedicada á súa figura e ao seu legado.
Celebrarase este xoves 8 de outubro, a partir das 19.00 horas, na Casa das Letras. A
iniciativa pretende afondar na traxectoria vital e no papel histórico e cultural de Virxinia
Pereira, así como achegar á cidadanía diferentes perspectivas sobre unha muller
estreitamente vinculada á vida e á obra de Castelao e á preservación do seu legado.
A xornada dará comezo ás 19.00 horas da man do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao
Dono, un saúda ao que seguirá, ás 19.05 horas, a actuación musical de Manoele de Felisa
baseada en textos de Otero Pedrayo.
Ás 19.10 horas terá lugar a presentación do acto, a cargo da actriz e moderadora Carmen
Méndez, que dará paso aos diferentes relatorios previstos ao longo da tarde.
A primeira intervención correrá a cargo de Noni Araújo Arias, mestra e amiga persoal de
Virxinia Pereira, que ofrecerá o relatorio Virxinia Pereira: a persoa, achegando unha
perspectiva persoal sobre a protagonista do Ano Cultural.
Posteriormente, ás 19.35 horas, o historiador e presidente da Fundación Castelao,
Miguel Anxo Seixas Seoane, abordará A complicidade conxugal e a liberación cultural,
mentres que ás 19.55 horas o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e director da
Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo,
falará sobre Castelao e Virxinia Pereira no exilio (1939-1950).
A xornada pecharase coa intervención de Montserrat Fajardo Pérez, xornalista, escritora
e autora de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, que ofrecerá ás 20.15 horas o
relatorio A leoa que custodiou o legado de Castelao.
Con esta xornada, o Concello da Estrada continúa desenvolvendo o programa do Ano
Cultural Virxinia Pereira, unha iniciativa coa que pretende contribuír a recuperar,
divulgar e poñer en valor a figura dunha muller fundamental na historia cultural de
Galicia, reivindicando o seu papel máis alá da súa relación con Castelao.
O programa da xornada combina así testemuños persoais, investigación histórica,
análise cultural e divulgación, ofrecendo unha visión plural de Virxinia Pereira e da súa
importancia no contexto do exilio galego e na conservación do legado de Castelao.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.