O alcalde acompaña á deputada Belén Cachafeiro nunha visita técnica
aos traballos, que emprenden o aglomerado en quente no acceso ao
casco urbano estradense.
Estas obras, que se realizarán en todo o tramo municipal da vía, dan
continuidade á aplicación de pavimento con ‘slurry’ en puntos onde o
firme presentaba gretas.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
acompañou hoxe á deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Belén
Cachafeiro, nunha visita técnica para supervisar as obras de pavimentación que arrancaron
na estrada provincial que une A Estrada co veciño Concello de Forcarei, a EP-7001.
Os traballos, que teñen parello un investimento superior ao millón de euros, suporán unha
reforma integral na totalidade do treito que discorre polo termo municipal estradense. As
obras, que se estaban realizando esta mañá nas inmediacións do acceso a casco urbano
dende o sur, terán aínda continuidade nos vindeiros días.
Aproveitando as favorables condicións meteorolóxicas, a execución arrancou días atrás coa
aplicación dun aglomerado de slurry para zonas nas que era preciso selar gretas. Agora
continúan con aglomerado en quente nos tramos nos que o firme presenta un peor estado.
O alcalde quixo agradecer o mantemento de estradas por parte da Deputación e sinalou que
son estradas que teñen unha grande importancia para a mobilidade municipal. “Esta
PO-7001, concretamente, conecta toda a zona sur e comunícanos con Forcarei”, apuntou.
Lembrou que nesta vía está programada a realización dunha importante obra de
urbanización no acceso desta estrada provincial no casco urbano a través da Rúa Pérez
Viondi.
Pola súa parte, Belén Cachafeiro, sinalou que estas obras de conservación e mantemento
son “fundamentais” para mellorar a mobilidade na provincia. Apuntou que nestas obras
combínase a aplicación de novo firme en quente con slurry e un novo pintado.“Agardemos
que con esta actuación a estrada estea en condicións de seguridade para pasar as vindeiras
tempadas de inverno”, dixo a deputada.



































