Aínda que as previsións meteorolóxicas fan agardar
a chegada das precipitacións para os vindeiros días, o Concello da Estrada segue moi
pendente de como se comporta o consumo da auga, conservando as prevencións e
restricións de aplicación xeneralizada logo de que se declarara a situación de prealerta por
seca prolongada. Con todo, o dato aportado hoxe polo departamento de Servizos
Municipais apunta unha notable redución no consumo diario: dos 3.400 metros cúbicos dos
meses de verán baixouse ata os actuais 2.500 metros cúbicos por xornada.
O concelleiro Óscar Durán sinalou hoxe que o Concello continúa mantendo unha redución
de regos en parques e xardíns, unha redución do consumo de agua nas instalacións
municipais e unha diminución dos baldeos, ademais de volver insistir na petición de que a
veciñanza realice un consumo responsable de auga.
Neste senso, o titular de Servizos Municipais quixo subliñar tamén a importancia de que o
consumo diario se teña reducido sensiblemente. O edil achacou esta situación ás propias
medidas de contención adoptadas, ás que sumou as tarefas continuadas de rastrexo e
control de fugas; os traballos de limpeza e mantemento dos mananciais que abastecen a
traída municipal ou o feito de que o Concello apostase por empregar o encoro de Pedrouzos
(cunha capacidade de 15.000 metros cúbicos). Esta última decisión tomouse para reducir a
captación no curso do río Umia.
Neste senso, cómpre lembrar que as últimas batidas nocturnas realizadas na rede de
abastecemento permitiron detectar ata oito pequenas roturas na rede, recuperando máis
de 400 metros cúbicos de auga.
Por outra banda, Óscar Durán informou tamén de que nos últimos días o Concello tivo que
subministrar auga ao colexio do Foxo, onde á escaseza no pozo derivou nun problema co
motor que bombea a auga. A situación está xa camiño de resolverse.
O CONSUMO DE AUGA NA ESTRADA BAIXA DOS 3.400 AOS 2.500 METROSCÚBICOS DIARIOS, PERO O CONCELLO MANTÉN AS MEDIDAS DECONTENCIÓN
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.




































