A XUNTA ARQUIVA O EXPEDIENTE DA GASOLINEIRA DA BAIUCA TRASASUMIR A INCOMPATIBILIDADE URBANÍSTICA SINALADA POLOCONCELLO

 Medio Ambiente pecha o procedemento apoiándose nos informes
municipais.
 Os servizos técnicos municipais acreditaron a incompatibilidade do
proxecto co PXOM e cuestionaron que puidese acollerse á excepción
normativa prevista para integrar unha estación de servizo nun
establecemento comercial.
 O procedemento rexistrou 730 alegacións particulares, ademais das
presentadas por diferentes entidades e colectivos.

O Concello da Estrada coñeceu hoxe a resolución do
Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente pola que se
declara a non procedencia da declaración de incidencia ambiental da actividade de
instalación de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, en réxime desatendido,
entre a Avenida Benito Vigo e a Avenida da Torre. A resposta da Xunta de Galicia ao proxecto
desta gasolineira na contorna da Baiuca pon fin ao procedemento e arquiva as actuacións
desenvolvidas. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe recurso.
A devandita resolución de Medio Ambiente chega fundamentada nos informes técnicos
emitidos polo Concello da Estrada. Cómpre lembrar neste senso que os servizos técnicos
municipais sinalaron a incompatibilidade do proxecto co Plan Xeral de Ordenación
Municipal e cuestionaron que este puidese acollerse á excepción prevista no Real Decreto
6/2000, que permite a implantación de estacións de servizo vinculadas a determinados
establecementos comerciais. Nesta liña, estiman os técnicos que non queda acreditada a
integración funcional entre ambas as instalacións (a actividade comercial xa existente e a
pretendida gasolineira).
Esta argumentación queda recollida na resolución da Xunta, que cita expresamente os
informes remitidos polo Concello e sinala que non procede, en consecuencia, formular
declaración de incidencia ambiental, poñendo fin ao procedemento e arquivando as
actuacións.
A resolución resume tamén a importante resposta cidadá xerada por este expediente, xa
que o procedemento rexistrou en pouco tempo 730 alegacións particulares, ademais das
presentadas por diferentes entidades e colectivos.
Desde que tivo coñecemento da presentación do proxecto desta gasolineira ante a
Consellería de Medio Ambiente, o Concello da Estrada realizou un seguimento próximo da
súa tramitación. O goberno local foi consciente da sensibilidade e preocupación que esta
iniciativa espertou entre boa parte da cidadanía, especialmente pola proximidade da
parcela á escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul e á zona residencial e de servizos
públicos da Baiuca, onde se atopan equipamentos como o centro de saúde ou os xulgados.
Ao longo deste proceso, o Concello actuou no ámbito das súas competencias, emitindo os
informes correspondentes e deixando que fosen os servizos técnicos municipais os que se
pronunciasen sobre a compatibilidade urbanística do proxecto. O goberno local agradece
agora a celeridade da Consellería na resolución do procedemento.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.