O alcalde realiza unha visita de campo para comprobar como se vai
executando un programa que condensa un investimento de tres millóns
de euros.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, realizou esta
mañá varias visitas a pé de campo para comprobar como están avanzando os traballos do
que definiu como “un dos proxectos estrela” que o Concello ten en marcha no rural do
municipio. Trátase das obras do novo plan de asfaltados, fiado a través de diferentes
programas de mellora e incremento da seguridade viaria que se financian con fondos
procedentes de distintas administracións. Esta nova fase aglutina máis de 3 millóns de
euros, o maior investimento realizado ata o de agora nunha única quenda de asfaltados.
Despois das obras realizadas nas parroquias de Couso e Paradela, o alcalde ofreceu hoxe
unha radiografía do estado de execución destes asfaltados. Sinalou que nestas semanas
foron avanzando por Olives (concretamente no lugar de Fraíz, na pista que vai á Lagoa), na
parroquia de Callobre (con varias vías: a que vai de Aldea Grande a Rilo; dende O Vilar a
Aldea Grande ou nos núcleos de Nogueira, Vilafruxil e Vilar) e proximamente continuarán
por Parada (pistas entre Eiriz a As Vilas ou Sobre da Cova).
O mandatario fixo fincapé en que nestas parroquias hai outras estradas que van ser
arranxadas proximamente e que foron incluídas no programa, aínda cando non estiveran
neste primeiro lote. “Todas as parroquias que tiñan previstos asfaltados van ir acollendo uns
traballos que están avanzando segundo o previsto. Xa temos parroquias rematadas, outras
en execución e virán outras máis”, apuntou.
Neste senso, cómpre lembrar que o plan permitirá executar 116 actuacións de aglomerado
en quente en pistas e camiños municipais distribuídas por distintos puntos do termo rural.
O Concello activa, en paralelo, un plan de reparación de firme en vías nas que non está
programada agora a renovación total do asfaltado. Estas últimas arrancaron pola zona sur
do municipio.





































